A Consellería de Política Social publica a versión en lectura fácil da Estratexia galega sobre discapacidade
A Consellería de Política Social acaba de publicar por vez primeira a versión validada en lectura fácil da Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020, de xeito que este documento sexa accesible a todas as persoas con dificultades de comprensión lectora.
A lectura fácil é un método de adaptación e redacción de textos para facer accesible a información e a cultura ás persoas con dificultades de comprensión lectora. Os documentos que contan con esta versión, están dotados dun logotipo de cor azul escuro creado no ano 1998 pola Asociación Europea de Persoas con Discapacidade Intelectual e as súas Familias (Inclusion Europe). A utilización deste logo esixe o cumprimento de pautas de redacción de textos e deseño dos documentos, recollidas nas “Normas europeas de lectura fácil” de Inclusión Europe.
A adaptación do texto foi realizada en colaboración con FADEMGA Plena inclusión Galicia, que contou coa colaboración de 4 membros con discapacidade intelectual da Asociación Aspas, quenes participaron na validación (requisito indispensable para que o documento sexa considerado de lectura fácil) da adaptación da Estratexia, a través de reunións diarias nas que puxeron en conxunto as súas suxestións para poñer a disposición de todos os galegos e galegas un documento de vital importancia para as políticas sociais da Comunidade Autónoma
A Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020, dirixe os seus esforzos cara os aspectos considerados clave para avanzar na consecución da igualdade real das persoas con discapacidade e a súa inclusión social. Este documento é o resultado dun proceso en que participaron as principais entidades sociais e profesionais neste eido e constitúe a folla de ruta que está a aplicar a Xunta nos vindeiros anos para promover que as persoas con discapacidade poidan gozar dunha vida autónoma e independente.
Para acadar este obxectivo, a estratexia susténtase nunha serie de liña transversais con vocación de impregnar o conxunto de actuacións que se desenvolven ao seu abeiro e que son a accesibilidade; a participación; a investigación, a innovación e a calidade; e a igualdade de xénero.