A comarca do Carballiño refórzase como o segundo mercado laboral máis amplo
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no Carballiño na presentación do Observatorio Económico Ourensán referido ás comarcas do Carballiño e Ribeiro. O dato máis salientable do estudo reflicte que a comarca do Carballiño consolida os 8.000 empregos e refórzase como o segundo mercado laboral máis amplo da provincia de Ourense. Baltar destacou que o Carballiño é, xunto á Baixa Limia, Viana e Terra de Trives, a comarca “na que a rexeneración laboral avanza a máis forte ritmo, sendo a segunda en impulsar o maior número de postos de traballo en 2016, só por detrás da comarca de Ourense”.
O presidente do goberno provincial presentou os datos do Observatorio acompañado polo profesor da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, Andrés Mazaira, acto que tivo lugar na Casa do Concello do Carballiño e ao que asistiron representantes institucionais, empresariais e sociais destas comarcas.
No que atinxe ao Ribeiro, o Observatorio reflicte as empresas e os centros de traballo locais xeraron en 2016 un total de 51 empregos, e ámbalas dúas comarcas –Carballiño e Ribeiro- contribuíron ao descenso do paro no conxunto da provincia. En Carballiño a taxa interanual rexistrou unha baixada do 14,6% e no Ribeiro do 8%.
O Carballiño, segundo mercado de traballo
Segundo subliñou Manuel Baltar, a comarca do Carballiño, que sostén o 8,2% de todo o emprego ourensán, “afiánzase como o segundo mercado de traballo máis dimensionado da provincia, con lixeira vantaxe sobre Valdeorras”. O Observatorio Económico Ourensán constata que o pulo xurde desde dúas estruturas produtivas moi diferentes. “Unha delas, a valdeorresa, -explicou Andrés Mazaira- presenta unha forte especialización sectorial, pola súa dependencia da industria extractiva, e a outra benefíciase dunha maior diversificación e dun moderado desenvolvemento industrial e tecnolóxico”.
Neste sentido, as afiliacións por municipio de residencia do traballador só baixaron no acumulado de 2016 en dous dos nove concellos da comarca de Carballiño, San Amaro (-4,3%) e San Cristovo de Cea (-0,7%). O resto foron avances, con maior forza para os protagonizados por Punxín (5,2%), Piñor (4,5%), O Carballiño (3,1%) e Maside (2%). De feito, a capitalidade comarcal anotou a máis intensa creación de emprego neto entre as doce cabeceiras da provincia.
Pola súa parte, a comarca do Ribeiro foi a única da provincia en asinar unha taxa de variación negativa das afiliacións en 2016, se ben cun mínimo descenso do 0,4%. Segundo a interpretación do Observatorio, o dato en si non é ameazante, xa que este mercado local acusa moito a temporalidade nos cuartos trimestres. De feito, en setembro -coincidindo coa fase máis intensiva da viticultura- as afiliacións crecían un 1,6% en taxa interanual. E un ano antes, en decembro de 2015, rexistrábase unha subida do 0,8%. Só tres dos nove municipios do Ribeiro saldaron o ano 2016 con alzas nas afiliacións. Acompañaron á cabeceira, Ribadavia, que logrou un repunte do 0,4%, os concellos de Carballeda de Avia (5,7%) e Melón (5,4%), que figuran agora mesmo entre os dez da provincia con maior ritmo de creación de emprego neto. Sen embargo, cinco municipios sufriron perdas no último ano, en especial Leiro (-7,3%), Arnoia (-4,4%) e Castrelo de Miño (-4,1%).
Afiliados por conta de cotización
A análise das afiliacións tendo en conta o concello no que teñen a conta de cotización as empresas e os centros de traballo ratifica a axeitada recuperación que está a vivir o mercado laboral da comarca de Carballiño. No último ano, as empresas aquí instaladas xeraron 291 empregos netos. Desde esta variable, a creación de postos resulta superior á que mide o Observatorio desde a variable do domicilio de residencia do traballador: 4,8% de incremento segundo a conta de cotización da empresa (excluíndo os factores demográficos) e 2,1% desde o enfoque do lugar de residencia do afiliado.
O municipio do Carballiño crea as dúas terceiras partes do novo emprego que xurde na comarca, con 199 afiliacións netas de incremento no último ano, o que representa unha subida interanual do 5,1%. Cabe salientar ademais que todos os concellos, agás Boborás, que conservou emprego, viron crecer o número de afiliacións en función da ubicación do centro de traballo. Nas zonas rurais destacaron as contribucións de Piñor, Maside, Boborás e O Irixo en novo emprego.
Mentres, as conclusións que recolle o Observatorio para O Ribeiro desde o enfoque das afiliacións por lugar de residencia tamén se ven reforzadas ao engadir o estudo en función do emprego que xeran as empresas e os centros de traballo locais. Con esta segunda interpretación, a situación da comarca mellora de xeito considerable. Obsérvase en primeiro lugar que o conxunto da comarca convértese en xeradora de emprego, cunha creación neta de 51 empregos en 2016 e un avance do 1,6%, fronte ao -0,4% que sinalan as afiliacións por concello de residencia do traballador.
Ribadavia impulsou 50 afiliacións netas no acumulado do ano, cun repunte do 3,8%. As outras tres contribucións máis significativas foron as de Carballeda de Avia, Beade e Avión, mentres que os maiores descensos déronse nas empresas e centros de traballo de Arnoia e Castrelo de Miño. En total, seis municipios tiraron do emprego en positivo e catro perderon afiliacións, pero de xeito feble ou moderado.
Entre a comarca de Carballiño e a do Ribeiro aportan 14 dos 58 concellos da provincia que aumentaron en 2016 o número de afiliacións desde a variable do lugar da conta de cotización do traballador (en función do empadroamento do cotizante houbo subidas de afiliados en 53 municipios ourensáns).
Por outra banda, ambas comarcas contribuíron ao descenso xeralizado do paro no conxunto da provincia durante o ano pasado. En Carballiño a taxa de variación interanual situou unha baixada do 14,6% e no Ribeiro do 8%. Ao actualizar os datos ata xaneiro de 2017, os decensos quedan fixados no 13,4% e no 8,4%, respectivamente.
En ningún concello destas dúas comarcas se rexistrou subida do paro no cómputo anual. Só estiveron preto de facelo os tres municipios da zona (Punxín, Cenlle e Arnoia) que repetiron estatística de número de parados. En Carballiño cumpre subliñar que todos os descensos, coa única excepción de Maside (-7,9%) foron a dobre díxito. Nos casos de Beariz e O Irixo achegáronse ao 30%. Na cabeceira de comarca houbo unha redución do 13,5%. No Ribeiro superaron o 10% de baixada Beade (-31%), Melón (-18,5%) e Carballeda de Avia (-11%), mentres que Ribadavia achegouse moito a ese nivel (-9,4%).
A poboación das comarcas de Carballiño e O Ribeiro, que representa preto do 14% do total da provincia, ven acusando descensos nos últimos anos, máis acentuados no caso do Ribeiro. A unidade comarcal do Carballiño tiña 27.108 habitantes a 1 de xaneiro de 2016, un 1,47% menos que na mesma data de 2015. Esta redución é lixeiramente superior ao decrecemento poboacional medio da provincia: -1,1%. Pero si estendemos a comparativa ata o ano 2000, o descenso poboacional é do 10,96%.
Nesta comarca, onde reside o 8,6% da poboación provincial, a baixada no número de residentes ten como consecuencia unha perda de peso relativo no conxunto de Ourense: 0,16 puntos porcentuais en comparación co ano 2010 e 0,21 puntos fronte ao 2000.
Cunha idade media de 51,6 anos, o alto grao de envellecemento fai que por cada 100 menores de 16 anos haxa na comarca 368 residentes con 65 ou máis anos. Na cabeceira comarcal, O Carballiño, cunha poboación de 14.031 habitantes en xaneiro de 2016, concéntrase o 51,3% da poboación comarcal. Trátase do único concello que amplía o seu peso relativo a nivel local: no ano 2000 representaba o 40,8% e no 2010 o 48,1%.
A fenda demográfica resulta aínda máis acentuada na comarca do Ribeiro. A 1 de xaneiro de 2016 rexistraba unha poboación de 16.547 habitantes, cun retroceso interanual do 1,61%. A caída chega ata o 13,24% na comparativa co ano 2010 e ao 20,89% respecto ao 2000. Nesta comarca reside o 5,26% da poboación ourensá. O seu peso demográfico no conxunto da provincia baixou 0,43 puntos porcentuais fronte ao que ostentaba no ano 2010 e en 0,80 puntos fronte ao do 2000. Cunha idade media de 54 anos, a taxa de envellecemento está en 497,90.
O Ribeiro presenta un grao de concentración poboacional na súa cabeceira comarcal claramente inferior ao da comarca de Carballiño. Ribadavia ten un peso relativo do 30,6%, só 1,84 puntos máis que no ano 2010 e 4,29 puntos de alza con respecto ao ano 2000. Pero neste caso, de xeito contrario ao que pasa na área de Carballiño, catro concellos -ademais da cabeceira comarcal- incrementan o seu peso específico, e fano tanto na comparativa con 2000 como con 2010: Arnoia, Carballeda de Avia, Leiro e Melón.