publicidade hoxe

A Cidade da Cultura celebrará en marzo a sesión de ‘Nexos’ dedicada ao aforismo aprazada en xaneiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Cidade da Cultura de Galicia celebrará o vindeiro 4 de marzo a sesión de ‘Nexos’ cancelada en xaneiro. ‘O aforismo e a beleza da síntese’ terá lugar a partir das 12:00 horas no auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia e contará coa presenza do profesor Jorge Wagensberg e a actuación musical da soprano Carmen Gurriarán e o pianista Pablo Seoane.

Na sesión ‘O aforismo e a beleza da síntese’ abordarase a historia destes pequenos escritos, pílulas de sabedoría que grazas á moda dos 140 caracteres están a experimentar un vigoroso renacemento.

Jorge Wagensberg, profesor de Física da Universidade de Barcelona e creador do Museo da Ciencia da Fundación La Caixa, máis adiante renomeado CosmoCaixa, será o encargado de disertar sobre estes pequenos enunciados que sintetizaban os saberes e as crenzas constitutivas da comunidade.

Tras el, o público poderá gozar do concerto ‘Non me pertenzo’ a cargo de Carmen Guirrarán (soprano) e Pablo Seoane (piano). Dez pequenas cancións, dez miniaturas musicais de autores como Anton Webern ou Francis Poulenc, entre outros.

Sesión infantil

Paralelamente, na Biblioteca e Arquivo de Galicia terá lugar unha sesión paralela para nenos de 5 a 12 anos. Refráns, adagios, apotegmas, máximas, proverbios, sentenzas… e todo tipo de mensaxes curtas serán protagonistas destas dúas horas do Nexos infantil.

Ao finalizar ambas as dúas sesións, o público está convidado a un petisco cortesía de bodegas Martín Códax e de Pan do Mar, de conservas Pérez Lafuente.

Como todas as sesións de Nexos, a entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente en cidadedacultura.gal.

6 de febreiro de 2017 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.