publicidade hoxe

A área de Cultura da Deputación da Coruña incrementa o apoio ás entidades con seis liñas de subvencións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A área de Cultura da Deputación da Coruña completa a reorganización do apoio ás entidades do sector coa publicación das bases de seis liñas de axudas que inciden no reparto por medio de criterios obxectivos e de concorrencia competitiva, eliminando a discrecionalidade. Festivais, actividades culturais ou investimentos son algúns dos obxectivos das subvencións.

Con seis programas de subvencións, a área de Cultura da Deputación incide no reparto obxectivo e no apoio á cultura desenvolvida por entidades sen fin de lucro encamiñadas ao apoio a actividades, festivais ou investimentos.

Unha das principais novidades desta edición das liñas de axuda é a reorganización das entidades que concorren en catro ámbitos, un de natureza cultural, outro veciñal, outro educativa e outro social e asistencial. En todas as liñas, incídese máis aínda no reparto obxectivo das axudas, cun 70% de criterios cuantificábeis e un 30% de elementos de valoración como iniciativas ou proxectos que serán estimados por un comité de persoas expertas, alleas á Deputación.

“Desde a Deputación queremos recoñecer o papel fundamental das entidades á hora de difundir e facer cultura e tamén a súa variedade. É dicir, constatar que as actividades culturais nacen desde entidades do sector mais tamén doutras como as veciñais ou educativas”, sinala a responsábel da área Goretti Sanmartín, da nova organización das entidades que inclúen as liñas de subvención.
O importe de saída da liña destinada a actividades culturais para o presente ano é de 1100.000€, que se repartirán en subvencións que van desde 600 a 30.000 € que as entidades poderán destinar a actividades como elaboración, edición e difusión de contidos culturais, programacións artísticas; cursos, congresos, seminarios, debates ou mesas redondas, proxectos socioculturais, actividades de recuperación da historia e a memoria local, fomento da creatividade artística ou posta en valor e difusión do patrimonio cultural material e inmaterial.

“A área de Cultura fai unha aposta decidida por apoiar a cultura que promoven as asociacións e outras entidades, un eixo fundamental para o noso obxectivo de que a cultura chegue á totalidade da poboación, con especial atención aos concellos pequenos que teñen máis dificultade de programación”, sinalou a responsábel da área, Goretti Sanmartín.

Tamén para o desenvolvemento de actividades culturais, a área de Cultura da Deputación publica as bases destinadas a entidades titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas e a fundacións para as que destina un orzamento de saída de 500.000 € para subvencións que irán dos 1.500 aos 30.000€. Este programa de subvencións procura incidir na protección e posta en valor dos bens que integran os fondos patrimoniais das entidades beneficiarias e na realización de actividades e iniciativas culturais orientadas a súa divulgación e coñecemento. Desta maneira, as axudas dirixiranse a impulsar a accesibilidade de museos, centros de interpretacións, bibliotecas ou fundacións, a apoiar a diversidade cultural e lingüística, fomentar os proxectos de creación contemporánea en torno ao patrimonio cultural, incentivar o turismo cultural, impulsar o coñecemento do patrimonio histórico-cultural ou a promover a inclusión da perspectiva de xénero das liñas de actuación.

As entidades sen ánimo de lucro -culturais, veciñais, educativas e sociais e asistenciais- poderán optar tamén a unha liña para realizar investimentos culturais que a Deputación dota con 400.000 € cos que se poden subvencionar gastos como maquinaria, mobiliario, construcións, ou equipos para o proceso de información.

Festivais que promovan cultura galega

A área de cultura da Deputación da Coruña mostra tamén un apoio decidido a festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas que promoven entidades sen ánimo de lucro aos que destina unha partida de saída de 400.000 €. Iniciativas como o Festival de Ortigueira, o Festival Internacional Outono de Teatro ou o festival Curtocircuito poderán contar desta maneira co apoio público para desenvolver os seus eventos culturais cunha achega que pode ascender até os 80.000 €.

Promoción da creación galega

A liña de subvencións a festivais vai tamén encamiñada, de maneira especial, ao apoio indirecto da creación cultural galega xa que en todos os seus ámbitos requírese que o programa inclúa grupos e producións propias. Neste sentido, os festivais audiovisuais terán que incluír, cando mínimo, unha sección para producións galegas en V.O., os festivais musicais e de artes escénicas, cando menos 30% de actuacións de bandas e compañías galegas e os festivais de artes escénicas o 50% dos espectáculos teñen que utilizar a expresión oral en lingua galega.

“Para nós é fundamental o apoio á creación cultural propia e por iso decidimos incluír esa condición nas propias bases, para que as distintas propostas escénicas, audiovisuais e musicais teñan nos festivais un espazo para a súa difusión”, sinala Goretti Sanmartín.

Apoio á cultura popular

Corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato poderán concorrer tamén a dúas liñas de axudas, unha para actividades e outra para investimento para as que a Deputación da Coruña destina un total de 650.000 €, 450.000 para actividades e 200.000 para investimentos.

Actividades formativas, de documentación, investigación, recuperación e posta en valora da nosa cultura popular e tradicional; produción de espectáculos, exposicións, libros, ou discos e organización de festivais serán así subvencionados con cantidades que poden ascender a 30.000 € por entidade. Ata 15.000 € poderán recibir estas entidades para equipamentos e moblaxe, realización de reformas, ampliación e mellora de inmobles de titularidade propia ou compra de materiais de uso técnico e artístico.

22 de febreiro de 2017 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.