A área de Cultura da Deputación da Coruña contribúe á difusión de dous clásicos revisitados polo teatro galego
“A Cabeza do Dragón”, de Ramón del Valle Inclán, producido por Excéntricas e “Soño dunha noite de verán”, baseado en Shakespeare, da compañía Voadora, son as dúas producións que a área da Deputación difunde en distintos concellos da Coruña, despois de que foran seleccionadas como residentes no Teatro Colón. “A Cabeza do Dragón” estará en Bertamiráns, a Pobra do Caramiñal e Cariño e “Soño dunha noite de verán” en Rianxo, Noia e Oleiros.
“Queremos poñer os medios públicos necesarios para que o teatro teña condicións dignas e chegue á xente e, por iso, fixemos que Excéntricas e Voadora tiveran o Teatro Colón a súa disposición como compañías residentes e, agora, impulsamos a súa difusión cunha xira”, explicou Goretti Sanmartín na presentación en Santiago da xira na que estivo acompañada por Quico Cadaval, de Excéntricas, e Hugo Torres, de Voadora.
A responsábel da Área de Cultura, Goretti Sanmartín, destacou o “altísimo nivel” das dúas compañías que gozaron dunha residencia no Teatro Colón e que agora comezan a xira promovida desde a Deputación da Coruña. “Son compañías cun público feito, o que é moi difícil de conseguir, con liñas propias e propostas moi acaídas para os nosos tempos que merecen ampliar aínda máis os seus auditorios”, engadiu Goretti Sanmartín que defendeu a necesidade de que os espazos públicos se poñan ao dispor das compañías para o seu uso. “O noso teatro precisa traballar en condicións de dignidade e, por iso, é preciso que as salas se abran non só para as representacións senón tamén para acoller os ensaios e as preparacións dos espectáculos”, dixo, en referencia ao programa de residencias do Teatro Colón. Destacou Goretti Sanmartín a calidade de dúas obras “que combinan o carácter clásico cunha visión contemporánea, innovadora”.
Na presentación desta liña de apoio ás dúas compañías, o director de “A Cabeza do Dragón”, Quico Cadaval, destacou o “compromiso da Deputación relacionando residencias artísticas con xiras en lugares aos que non é fácil acceder e iso fainos pensar nun tempo novo despois de levar anos en que eramos os artistas os que nos subvencionabamos a nós mesmos”, dixo. Falou da obra como “o fin dunha anomalía que imposibilitaba por unha decisión privada a representación de Valle en galego” e definiu a “singular” obra como a camiño entre o modernismo e o esperpento que inclúe entre os temas ” a recreación da cultura popular, a ridiculización da monarquía, a crítica ao machismo e ao patriarcalismo”.
Pola súa parte, Hugo Torres, cofundador de Voadora, destacou o importante que para a compañía foi ter a dispoñibilidade de estar un mes no Teatro Colón xa que, ao seu ver, “as residencias artísticas potencian a calidade das obras e dan liberdade para sublimar un traballo que, coa xira pode chegar a sitios onde non estaba previsto cunha xira en que o espectáculo pode medrar máis aínda”.
En “Soño dunha Noite de Verán”, a compañía quixo, segundo Torres, achegarse á “liberdade do individuo de elixir, tamén no que se refire ao xénero. Definimos que no mundo hai máis que branco e negro, que home e muller, que hai máis xente e máis xéneros que non se coñecen nos cánones habituais”, explicou.
Ademais da xira por teatros dos distintos concellos, a iniciativa contempla tamén actuacións para o público escolar que, no caso de Excéntricas, incluirá un espectáculo didáctico arredor dos lugares e a presenza da cultura galega na obra de Valle Inclán nos centros de ensino que conta, no caso da Pobra, coa colaboración do museo dedicado ao escritor.
Fichas técnicas con amplos elencos
Tanto o representante de Voadora como de Excéntricas, destacaron a calidade do elenco artístico composto nun caso por nove e noutro por oito actores e actrices, algo non moi frecuente na escena galega.
“A Cabeza do Dragón” de Ramón del Valle Inclán de Producións Excéntricas será así a primeira obra do autor levada ao teatro en galego, despois de que pasara a dominio público, no 80 aniversario da morte do autor. Dirixida por Quico Cadaval, a obra conta cun elenco artístico composto polo propio Quico Cadaval, María Costas, Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Josito Porto e Patricia Vázquez. A produción conta coa colaboración de Baltasar Patiño para o espazo escénico e a iluminación e Suso Montero na indumentaria e o deseño gráfico. A música está composta por Javier María López e será dirixida polo mestre Diego García á fronte do Taller Atlántico Contemporáneo. Iván Marcos encargarase da coreografía.
“A función liberadora do riso, a corrupción política, a violencia machista, a anacrónica institución da monarquía, o medo á liberdade ou a banalización do amor romántico son temas da obra que continúan da actualidade. Valle-Inclán, coas oportunas manipulacións, leva a fábula ao grotesco contemporáneo que el creou: o esperpento”, valoran desde Excéntricas da súa nova produción para a que é residente no Teatro Colón.
A compañía Voadora gozou tamén dunha residencia no Teatro Colón da Coruña, combinada co Pazo de Cultura de Narón, para preparar o espectáculo “Soño dunha Noite de Verán” que agora a área de Cultura da Deputación da Coruña apoia promovendo a súa difusión en Rianxo, Noia e Oleiros. Trátase da primeira residencia compartida por dous teatros públicos no ámbito das artes escénicas galegas.
“Soño dunha noite de verán”, é un espectáculo creado a partir da obra de William Shakespeare, con adaptación de Marco Layera e dirección de Marta Pazos. A interpretación da obra corre a cargo de Diego Anido, Areta Bolado, José Díaz, Borja Fernández, París Lakryma, Janet Novás, Andrea Quintana, Anaël Snoel e Hugo Torres. Marta Pazos ocúpase tamén da escenografía, José Díaz e Hugo Torres da Iluminación e Rui Monteiro da iluminación. O espectáculo está coproducido por Iberescena, Festival de Almada, MIT Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Marco Layera e Malverde Produçoes de Brasil.
Voadora volve a Shakespeare, tras “Joane” (2012), “A Tempestade” (2014) e “Don Juan” (2015), nun espectáculo que propón un diálogo entre o clásico e o contemporáneo que xurde do traballo conxunto dun equipo de e creadores para o teatro, a danza, o cine e as artes visuais. A directora da compañía, Marta Pazos, traballa canda o chileno Marcos Layera da compañía La Re-sentida na cabeza da produción do espectáculo.
Xira promovida pola área de Cultura da Deputación da Coruña
“A Cabeza do Dragón” de Producións Excéntricas
5 de maio- Bertamiráns-Casa da Cultura- 21:00 horas
7 de maio- A Pobra do Caramiñal-Casa da Cultura- 20:00 horas
14 de maio- Cariño- Auditorio Municipal- 19:00 horas
“Soño dunha noite de verán” de Voadora
19 de febreiro- Rianxo- Teatro Principal- 19:00 horas
20 de febreiro-Rianxo- Teatro Principal (matinal)- 11:00 horas
21 de febreiro-Rianxo- Teatro Principal (matinal)- 11:00 horas
5 de marzo- Noia- Coliseo Noela- 20:00 horas
6 de marzo- Noia-Coliseo Noela (matinal)- 11:00 horas
7 de marzo- Noia-Coliseo Noela (matinal)- 11:00 horas
19 de marzo-Auditorio Gabriel G. Márquez-Oleiros- 20:30 horas