Xustiza Social require “aclaracións” á concesionaria do servizo de limpeza dos centros educativos a respecto da non subrogación de 13 empregadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellería de Xustiza Social, departamento municipal dirixido por Silvia Cameán, vén de requirir á actual concesionaria do servizo de limpeza dos centros educativos da cidade a que “con carácter inmediato efectúe as aclaracións e alegacións que corresponda diante do Servizo Municipal de Educación”, a respecto do proceso de subrogación de empregadas da anterior firma adxudicataria. Todo isto, logo de que a concelleira se reuniuse a pasada semana con empregadas afectadas por esta situación, que lle comunicaron a presentación dun escrito de denuncia diante da Inspección de Traballo contra a empresa, no que a acusan “da non subrogación de 13 empregadas, así como da existencia de dúas traballadoras que están prestando servizo sen estar dadas de alta na Seguridade Social”. O escrito de requirimento enviado este luns á compañía provedora polo Concello recorda que o non cumprimento do contrato pode derivar “en imposicións de sancións e penalidades”. “Esta actuación dá mostra do compromiso deste Concello coas traballadoras, así como co escrupuloso cumprimento dos pregos de contratación e condicións esixidas pola Administración Local”, indicou a edil.

“Unha das esixencias que puxemos enriba da mesa no concurso público aberto para a contratación deste servizo pasaba pola subrogación dos e das empregadas do anterior cadro de persoal”, recorda Cameán, que salientou que o convenio do sector da limpeza obriga ás empresas a subrogar aos e ás traballadoras con contrato de interinidade que substitúan a aquelas con dereito a subrogación. “No caso de que corroboremos que a firma non está a adecuarse á subrogación nos termos que marca a lexislación e o convenio do sector, recordarémoslle, de inmediato, a obriga que ten de cumprir cos requirimentos municipais e iniciaremos, se cabe, un proceso de imposición de penalidades”, explicou. Este proceso pode derivar tanto en sanción, como desembocar, en último caso, na extinción do contrato en vigor.

Os pregos do actual contrato de limpeza que o actual Goberno local valoraban as ofertas presentadas reservando unha puntuación equivalente ao 45% do total de puntos obtidos ao prezo que a adxudicataria ofertase, mentres que un 25% viña determinado polas “melloras nas oferta”, incluíndo neste apartado as cláusulas medioambientais, e un 30% atendía a criterios de carácter social. Todo isto fronte aos requirimentos do anterior contrato, que databa de 2009, e que definía a puntuación total da adxudicataria nun 44,4% en función do prezo e nun 66,6% en base a melloras na oferta. “Este Executivo, como xa amosou innumerables veces, non se move unicamente polo prezo, senón por unha serie de criterios que consideramos fundamentais para o bo desenvolvemento do servizo, como as cláusulas sociais”, expuxo Cameán.

23 de xaneiro de 2017 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.