Xulio Ferreiro buscará “outro camiño” para aprobar os Orzamentos se as negociacións co PSOE non avanzan
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, amosou este martes a súa “decepción” ante o resultado do encontro mantido no día de onte polo grupo de Goberno con representantes do grupo municipal socialista para tratar de avanzar na negociación que permita á cidade ter aprobados os Orzamentos municipais no menor prazo posible de tempo, e advertiu de que o Goberno buscará “outro camiño” no caso de que a situación non se desbloquee na xuntanza prevista para o día de mañá. “Onte quedaramos en que o PSOE traería propostas concretas para os Orzamentos e nós trasladaríamos unha proposta deseñada das fórmulas de co-responsabilidade e co-xestión na execución deses presupostos; novamente, o que nos volveu presentar o PSOE foi o seu programa electoral e non propostas concretas para os Orzamentos, senón simplemente, liñas de actuación, algunhas, nin sequera orzamentarias. Eu agardo que se desbloquee a cuestión, pero se mañá non hai un principio de acordo, teremos que seguir outro camiño, porque non imos cometer o erro do ano pasado e seguir agardando por unha negociación que ao final nunca se pechou”, adiantou o primeiro edil, en alusión a unha posible cuestión de confianza.
Neste sentido, o rexedor avanzou que o Goberno local podería convocar o pleno a próxima semana, para despois seguir os trámites establecidos. “A cidade segue esperando. Espera pola crise interna do PSOE e espera a que este teña a ben aterrar as grandes cuestións de cidade nas que podemos estar de acordo, propostas programáticas concretas”, censurou, lembrando que o Goberno iniciou as conversas para sacar adiante os Orzamentos “hai moito tempo”. “Entendo que queda pouco tempo para negociar, pero iso xa o sabía o PSOE cando hai unha semana e media se dedicou a arranxar outros asuntos, en lugar de resolver os Orzamentos da cidade”, indicou.











