publicidade hoxe

Xóvenes galegos e italianos desenvolven un proxecto de intercambio cultural a través da música con Erasmus+ Xuventude en Acción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaMelide
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, visitou hoxe aos participantes no proxecto “Unidos pola música”, unha iniciativa de intercambio xuvenil bilateral promovido polo Concello de Melide e a Academia de Música “Libera” situada na localidade italiana de Santa Teresa di Riva, en Sicilia. Un total de 20 mozos e mozas españois e outros tantos de Italia de entre 13 e 20 anos, e todos eles estudantes en diferentes graos de música, están implicados neste proxecto aprobado na segunda quenda do 2016 no marco do programa Erasmus +: Xuventude en Acción.

Cecilia Vázquez explicou que esta iniciativa, que conta cun orzamento de 16.280 euros, forma parte das accións de intercambio xuvenil e de promoción da mobilidade da mocidade, neste caso, por motivos de aprendizaxe. Neste sentido, esta responsable autonómica apuntou que o fomento da mobilidade xuvenil é un dos eixes preferentes das accións e programas da área de Xuventude do Goberno galego, xa que “contribúe a mellorar as competencias dos mozos e mozas, promove o diálogo intercultural, o coñecemento doutras rexións europeas, a aprendizaxe de idiomas e potencia a dimensión internacional das actividades xuvenís e o papel das entidades no eido da xuventude como estruturas de apoio a este colectivo da poboación”.

Neste sentido, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destacou que Galicia é unha das Comunidades Autónomas máis activas dentro do Erasmus +, tanto polo número de proxectos presentados e aprobados como nos fondos recibidos pola Unión Europea para contribuír ao financiamento da posta en marcha dos mesmos. O programa estrutúrase en tres accións clave: mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe; cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas; e apoio ás reformas das políticas.

Respecto á mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe, diferéncianse dúas modalidades: a mobilidade de mozos e mozas a través de proxectos de intercambios xuvenís e Servizo Voluntario Europeo, e a mobilidade das persoas que traballan no eido da xuventude a través de proxectos de formación e intercambios de boas prácticas

17 de xaneiro de 2017 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.