Xosé Leal anuncia a creación dun comité técnico para asesorar, en cuestións de calado e a longo prazo, ao museo de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, anunciou esta mañá que o seu departamento está traballando para impulsar a creación dun comité asesor, configurado por persoas con perfil técnico, para abordar “cuestións de calado e a longo prazo do Museo de Pontevedra”. O deputado provincial fixo este anuncio, acompañado polo director do Museo, Carlos Valle, durante a presentación da programación de exposicións previstas para o ano 2017. Tamén aproveitou para anunciar que a Deputación de Pontevedra designou a Carlos Valle para recoller, a vindeira semana, o Premio da Cultura Galega concedido ao Museo de Pontevedra na categoría de Patrimonio. “Decidimos que sexa Carlos Valle a persoa encargada de recoller o premio como un recoñecemento á súa traxectoria e por extensión á do Museo” sinalou Xosé Leal.

Xosé Leal incidiu que na presente lexislatura se abriu unha nova etapa no Museo “na que comezamos dándolle valor aos técnicos e ao traballo técnico e agora estamos planificando un paso máis”. Neste camiño, o deputado indicou que a reapertura, no pasado mes de agosto, da sRuínas de San Domingos supuxo un punto de inflexión a partires do cal se quere seguir avanzando ata acadar a apertura da totalidade dos edificios que forman parte do Museo de Pontevedra. “Neste ano 2017 estamos traballando, xunto con Carlos Valle, para poñer os alicerces deste comité técnico e establecer un cronograma de traballo para estudar temas como a apertura destes edificios, a reestruturación de espazos expositivos, o posible cambio de nome do Sexto Edificio ou o deseño dun logotipo máis actual” indicou o deputado. “Como políticos, aínda que traballemos cuns criterios xenéricos, eu sempre tiven moi claro que temos que estar a expensas dos técnicos que son os que coñecen a realidade” engadiu Leal.

Programación 2017

“Neste 2017 teremos moita actividade e será moi diversa” asegurou o director do Museo, Carlos Valle, durante a presentación da programación prevista para este exercicio. O director anunciou un programa composto por nove propostas das que destacou as dedicadas aos pontevedreses con gran proxección tanto a nivel galego como estatal como son o fotógrafo Miguel Vidal ou o recentemente falecido Luis Caruncho. Fixo fincapé, ademais, nas mostras que protagonizará a obra da década dos 80 de Manuel R. Moldes ou a de Jorge Castillo, de gran proxección internacional, coa que se pechará o ano. Volverá estar presente o Certame Novos Valores, con dúas mostras, así como os traballos do Máster de Creación Contemporánea. Por último, a figura histórica do feminismo María Vinyals será o centro dunha proposta programada para o outono.

“O gran éxito do Museo é o este traballo circular que pon en contacto o mundo da Universidade con creadores máis consolidados” asegurou Xosé Leal na súa valoración desta programación. O deputado destacou moi particularmente a achega que se fai ao mundo da discapacidade, comezando cunha mostra que pretende sensibilizar sobre a accesibilidade na arte; así como o traballo do Museo “para servir de acicate para creadores e creadoras novas e facelos parte dunha programación na que tamén atopamos a artistas moi consolidados a nivel internacional”.

18 de xaneiro de 2017 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.