“Xantar” érguese como o mellor escaparate para promocionar a nivel internacional a calidade dos alimentos do agro e do mar galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+
Presentación de Xantar

Presentación de Xantar

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2017, se celebrará en Expourense a partir do mércores que vén, día 1 de febreiro, ata o domingo día 5, é o único certame internacional celebrado en España dedicado conxuntamente ao turismo e a gastronomía. Este ano esta feira cumpre a maioría de idade presentando a súa edición máis internacional reunindo a 232 expositores, que supón un 10% máis que na edición anterior, achegados de 11 países: España, Portugal, Panamá, Costa Rica, México, Ecuador, Paraguai, Francia, Perú, Cuba e Arxentina.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na rolda de prensa de presentación desta nova edición de Xantar, e xa van dezaoito, e destacou “a importancia que ten Xantar para promocionar o turismo e a enogastronomía de Galicia, dous sectores que teñen moito peso na nosa economía. Turismo e gastronomía camiñan da man e, por iso, dende a Xunta de Galicia apoiamos decididamente a Xantar”. Na súa intervención, Díaz Mouteira indicou que esta feira contribúe a pór en valor os produtos da nosa terra e os profesionais da cociña galega. “É o mellor escaparate para promocionar a nivel internacional a calidade dos alimentos do noso agro e mar”, afirmou.

Apoio institucional

A máxima representante do Goberno galego en Ourense subliñou o respaldo de distintos departamentos autonómicos a este evento internacional de turismo gastronómico. Tanto a Consellería do Medio Rural como a de Mar contarán con dúas aulas gastronómicas para realizar obradoiros e demostracións que demostren as posibilidades culinarias dos nosos produtos. Neste sentido, Díaz Mouteira indicou que “as producións galegas víronse melloradas nos últimos anos cualitativa e cuantitativamente grazas á dinamización dos coñecidos como produtos de calidade, amparados e protexidos polas Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas protexidas. Trátase de recursos alimentarios que constitúen unha das mellores ferramentas das que dispón o campo galego para asegurar o seu futuro, emprender novas vías de desenvolvemento e, mesmo, reinventarse”.

Tamén colabora nesta cita a Consellería de Sanidade organizando actividades relacionadas coa alimentación saudable.

A 18ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, terá como país convidado a Panamá convocará en Expourense a máis de 230 expositores que ocuparán 12.000 metros cadrados de superficie e entre os que destacan 15 restaurantes que ofrecerán 21 menús con prezos comprendidos entre os 14 e os 30 euros baseados nos produtos autóctonos e de calidade de cada rexión. Haberá ademais menús infantís e adaptados para celíacos.

O programa do certame ofrécelle aos asistentes máis de 200 experiencias enogastronómicas e turísticas. As de perfil máis profesional están enmarcadas no denominado Encontro Internacional sobre Gastronomía Saudable e Sostible que afronta xa a súa 12ª edición.

30 de xaneiro de 2017 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.