publicidade hoxe

Xa hai datas para a Festa do Mar de Combarro e a Festa da Ameixa de Campelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoio
A-
A+

A Concellaría de Turismo do Concello de Poio informa sobre as datas de celebración das dúas grandes citas gastronómicas que terán lugar durante a próxima tempada estival no municipio de Poio. Dende a Concellería de Turismo podemos xa confirmar as datas de celebración de dous dos eventos máis relevantes dende o punto de vista turístico do noso municipio como son a Festa do Mar de Combarro e a Festa da Ameixa de Campelo.

A Festa do Mar de Combarro, celebrará a súa XVII edición no mes de agosto durante os cinco días comprendidos entre o 23 de agosto e o 27 do mesmo mes.

A Festa do Mar contará como nas edicións anteriores, coa colaboración do Clube Mariño A Reiboa como organizador da famosa Concentración de Embarcacións Tradicionais que este ano celebrará a súa XXII edición, e a colaboración da ACDeM Armadiña como organizadora do Festival Armadiña Rock.

En canto á outra cita imprescindible do verán en Poio, A Festa da Ameixa de Campelo, celebrará este ano a súa XXX edición, neste sentido o Concello de Poio está traballando nun amplo programa de actividades para tódolos públicos co fin de celebrar como se merece unha festa que xa leva trinta anos presente no verán de Poio.

As datas escollidas para a celebración deste evento gastronómico serán como nas dúas últimas edicións, o mes de setembro, sendo os días 16 e 17 os escollidos para saborear a ameixa babosa da Ría de Pontevedra. En canto a outros eventos de gran repercusión que se levarán a cabo na tempada estival no noso municipio, non nos podemos esquecer do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que este ano terá lugar na vila mariñeira de Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo.

A organización deste evento corre a cargo dun amplo comité encabezado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), O Clube Mariño A Reiboa e o propio Concello de Poio. Este evento que se celebra dende 1993 cunha periodicidade bianual cada vez nun porto galego distinto, converteuse xa na gran festa da cultura do mar e dos ríos de Galicia.

Para esta edición o Encontro contará coa participación dunhas 150 embarcacións procedentes de distintos puntos da xeografía galega, así como de outros puntos da xeografía española e de países como Portugal, Irlanda, Francia e Croacia.

O Concello de Poio xa está a traballar nunha tempada estival que contará cun amplo abanico de actividades para os veciños e veciñas de Poio e os milleiros de visitantes que se achegan ata o noso municipio cada verán.

26 de xaneiro de 2017 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.