publicidade hoxe

Vedra e Lalín asinan os acordos para crear bolsas de vivendas sociais cos inmobles desocupados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaVedra
A-
A+
Os rexedores de Lalín e Vedra na sinatura do acordo con Ethel Vázquez. Foto: X. Crespo

Os rexedores de Lalín e Vedra na sinatura do acordo con Ethel Vázquez. Foto: X. Crespo

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe os convenios de adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia cos alcaldes de Vedra, Carlos Martínez, e de Lalín, Rafael Cuíña, uns acordos que teñen por obxectivo facer dun conxunto de inmobles desocupados unha bolsa de vivendas sociais destinadas a persoas que, por circunstancias económicas, persoais ou familiares, se atopan en situacións de dificultade.

Vázquez Mourelle indicou que estes municipios, coa sinatura de hoxe, únense á trintena de concellos galegos que xa teñen firmado este acordo, xa que na actualidade son 32 os concellos galegos que forman parte do programa: 18 deles, da provincia da Coruña e 7 pertencentes á provincia de Pontevedra.

A titular de Vivenda subliñou que o obxectivo prioritario desta medida social pioneira no Estado é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais. Concretou que a previsión é que de forma inminente os concellos adheridos comecen a adxudicar as vivendas, sinalando que é o de Ourense, o primeiro en asinar, o que ten os trámites máis avanzados.

Este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer –de 300 euros no caso do Concello de Lalín; e de 250 no caso de Vedra- e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

A conselleira sinalou que se trata de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta.

As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta mediante un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.

Con estes seguros que financia a Xunta o propietario ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias está totalmente asegurado e tamén se evitarían problemas como os que teñen traslado distintos colectivos sociais, polas dificultades de atopar propietarios dispostos a alugar un piso a familias en dificultades.

Solucións reais a problemas reais

Ethel Vázquez fixo fincapé na importancia de que todos os municipios galegos sigan o exemplo destes concellos que hoxe asinan este convenio, e colaboren coa Xunta, dotándose dos instrumentos necesarios para ofrecer solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de vivenda, sexa cal sexa o lugar onde vivan.

Cómpre lembrar que o Goberno galego está a impulsar un total de 12 medidas, entre elas, este Programa de Vivendas Baleiras, un conxunto de actuacións que a Valedora do Pobo, no seu informe de 2015, recoñece “significativamente máis ambicioso que o doutras comunidades autónomas”.

30 de xaneiro de 2017 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.