Uns 500 cativos da provincia da Coruña participarán na “Campaña de esquí 2017”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A área de Deportes da Deputación da Coruña organiza, entre o 19 de febreiro e o 31 de marzo, diversas viaxes á estación invernal de Leitariegos (León) para fomentar a práctica do esquí entre os nenos e nenas dos municipios coruñeses nados entre os anos 2002 e 2006.

Nesta edición participarán un total de 500 rapaces que, como é habitual, estarán repartidos en cinco quendas de cinco días de duración cada unha.
Con esta nova edición da campaña, a institución provincial que preside Valentín González Formoso pretende que os rapaces da provincia teñan a oportunidade de iniciarse ou perfeccionar a práctica do esquí, ao mesmo tempo que participan en diversas actividades deportivas e culturais que se organizarán de xeito complementario.

As viaxes terán un custe de 95 euros e inclúen transporte, estadía de cinco días en Leitariegos, clases de esquí, monitores, seguro, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.

A estación invernal de Leitariegos ubícase no noroeste da provincia de León, na comarca de Laciana, nun excepcional paraxe natural reserva da Biosfera que limita co Principado de Asturias, e conta con 10 pistas balizadas de distintos niveis (5 vermellas, 4 azuis e unha verde) e un snowpark, así como unha escola na que se ofrecen clases de esquí e snwoboard.

Inscrición nos concellos ata o 23 de xaneiro

Os interesados/as en participar deberán presentar no seu concello a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titor do solicitante. O prazo de inscrición remata o 23 de xaneiro.

Nos vindeiros días, poderase descargar toda a información correspodente á Campaña de Esquí 2017 na páxina web da Deputación da Coruña www.dacoruna.gal.

9 de xaneiro de 2017 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.