publicidade hoxe

Uns 270 menores de 40 anos son novos titulares de explotacións agrarias en Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFriolLugo
A-
A+

A Consellería do Medio Rural favoreceu a incorporación de 268 persoas menores de 40 anos como titulares de explotacións agrarias na provincia no último ano, grazas a un programa de axudas que, en conxunto, distribuíu 9.821.500 euros no rural lucense.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ata Friol para coñecer a explotación Casa Gabino, que foi unha das beneficiarias desta medida de fomento de incorporación de mozos e mozas ao sector. Acompañado polo alcalde, José Angel, Santos, coñeceu a explotación da man do novo titular, Iván Río Lorenzo. Ao asistiron outros nove mozos e mozas do municipio que resultaron tamén beneficiarios desta orde de axudas.

Balseiro destacou que Lugo foi a provincia galega máis beneficiada por esta iniciativa, xa que suma o 40% do importe das axudas concedidas e o 43,8% dos beneficiarios, “o que da a medida do peso que ten o sector no noso territorio”.

Ao respecto, Balseiro explicou que este programa pretende impulsar o establecemento de mozos e mozas no rural asumindo a titularidade -exclusiva ou compartida- de explotacións agrarias. Con esta medida, afirmou, “lógrase dinamizar a actividade económica á vez que fixar poboación nova nos pobos e aldeas”.

De feito, engadiu, “estes datos son uns datos históricos, os máis elevados dende que se tramitan este tipo de axudas -dende o 1999-, tanto polo número de expedientes aprobados como de contías de axudas. Se os comparamos cos do ano 2015 os expedientes case se cuadriplican”. Nesa anualidade resultaron beneficiarios 68 agricultores da provincia, que recibiron 1,2 millóns de euros en total.

O delegado territorial sinalou tamén que o 42% dos expedientes aprobados corresponden a mulleres, e valorou que “vanse dando pasos cara á igualdade no sector e ao incremento das cotas de representación feminina á fronte das explotacións”.

As axudas beneficiaron a gandeiros de 50 concellos da provincia. “A Xunta de Galicia -afirmou Balseiro- fai unha aposta decidida por manter un dos piares do tecido produtivo na nosa provincia: o agrogandeiro. Un apoio importante ao sector primario, ao desenvolvemento ao mundo rural”.

O obxectivo desta e outras liñas de subvencións do Programa de Desenvolvemento Rural -como as de plans de mellora e creación de pequenas explotacións- é asegurar a competitividade e a continuidade do tecido agrario, favorecendo o relevo xeracional e incrementando o rendemento global das explotacións mediante a súa modernización.

Balseiro afirmou que a Consellería do Medio Rural abrirá proximamente unha nova convocatoria do programa de subvencións para a incorporación de mozos e mozas. “A Xunta -concluíu- quere dotar á mocidade de ferramentas e apoios que garantan o futuro do medio; que o medio rural sexa un espazo de modernidade para vivir e traballar”.

O concello de Friol ten 468 explotacións agrogandeiras rexistradas, e en concreto Casa Gabino é unha das granxas de vacún de carne máis grandes de Galicia.

27 de xaneiro de 2017 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.