Uns 250 profesionais actualizan en Pontevedra os seus coñecementos sobre as patoloxías do solo pelviano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado do xerente da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González Álvarez, inaugurou esta mañá, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, as primeiras xornadas de solo pelviano, ‘Do mito á realidade’, un encontro organizado por persoal de enfermaría da área sanitaria, en colaboración co servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou o traballo que realiza o Sergas na mellora dos seus servizos e programas. A tal efecto citou a guía técnica sobre abordaxe de disfucións de solo pelviano feminino, publicada en 2016, que está a ser pilotada en 14 centros de saúde por matronas e fisioterapeutas de atención primaria, coa fin de previr estas disfuncións, de facer un diagnóstico precoz de problemas relacionados co solo pelviano, para que a abordaxe daqueles casos leves e moderados sexa accesible a máis mulleres, e para que aqueles casos máis graves susceptibles de tratamentos máis complexos, sexan derivados para a súa valoración a nivel hospitalario.

Segundo o conselleiro, a abordaxe multidisciplinar e coordinada interniveis é fundamental para dar unha resposta rápida e individualizada aos problemas de cada usuaria, e esta guía representa o primeiro chanzo de intervención.

Obxectivos

Nesta primeira edición, preto de 250 profesionais actualizarán en Pontevedra os seus coñecementos sobre as principais patoloxías do solo pelviano, doenzas que afectan á práctica totalidade das mulleres maiores de 40 anos e aos varóns sometidos a unha intervención radical de próstata, principalmente.

Estudar a globalidade deste tipo de paciente dende a perspectiva da enfermería e achegar unhas nocións básicas aos asistentes sobre as principais patoloxías do solo pelviano, así como ter acceso a diferentes técnicas para o seu tratamento e recuperación, son só algúns dos obxectivos que guían o programa destas xornadas dirixidas a persoal de enfermaría, facultativos, matronas e fisioterapeutas.

Dar a coñecer o traballo diario dos profesionais de enfermaría neste eido sanitario é outra das finalidades deste encontro, posto que xogan un papel fundamental no tratamento das ditas doenzas, así como dar visibilidade a unha problemática que afecta a un importante sector da poboación e lograr concienciar á sociedade de que non debe silenciarse, pois existe tratamento.

Nos últimos sete anos, as consultas na área sanitaria veñen experimentando un importante incremento, pois o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, rexistrou un aumento do 75% nas primeiras consultas ao respecto, mentres que as consultas sucesivas acadaron un 90%. Así, no pasado 2016, atendéronse preto de 400 primeiras consultas e máis de 1.000 sucesivas, cifras que contrastan coas menos de 100 atendidas en 2009.

O feito de non detectar ou tratar a tempo as principais afeccións desta musculatura implica que, en non poucas ocasións, estas deriven en intervencións cirúrxicas, como ben pode ser no caso dos prolapsos. Así mesmo, a incontinencia ou as lesións dermatolóxicas son outras das consecuencias destas patoloxías, cuxa repercusión sobre a calidade de vida dos pacientes é de considerable importancia.

13 de xaneiro de 2017 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.