publicidade hoxe

Uns 180 escolares de Narón participaron no programa para decorar con murais espazos degradados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+
Alumnos pintando mural do centro Manuela Pérez Sequeiros

Alumnos pintando mural do centro Manuela Pérez Sequeiros

O Centro Comunitario Integrado “Manuela Pérez Sequeiros” dispón dun novo mural nunha das paredes exteriores realizado no marco do programa municipal que impulsa a realización deste tipo de actividades en espazos urbanos degradados de centros educativos e instalacións municipais. A iniciativa partiu da Concellería de Ensino, dirixida pola edil Mercedes Taibo, e programouse a modo de mural interxeracional, no que participaron usuarios do centro e tamén nenos e nenas, “co fin de incidir en que se trata dunhas instalacións con actividades dirixidas a persoas de todas as idades, non só aos maiores”, explicou Taibo. O programa desenvolveuse tamén en tres centros escolares da localidade no último trimestre de 2016, rexistrándose unha participación total de 178 alumnos e alumnas.

O mural realizado no centro “Manuela Pérez Sequeiros” consta de varias siluetas nas que se poden apreciar as diferentes etapas da vida das persoas, a modo interxeracional. “A finalidade destas propostas é embelecer o concello pintando murais de diferentes temáticas elixidas desde os centros e, ao mesmo tempo, concienciar á cidadanía, desde a súa etapa escolar, sobre a importancia de conservar o mobiliario urbán e fuxir do vandalismo, fomentando tamén a creatividade dos participantes e o traballo en grupo”, subliñou Taibo.

A concelleira de Ensino recordou que o pasado ano se realizaron outros murais con cargo a este mesmo programa municipal no colexio de Domirón (CRA), e nos da Solaina e do Feal. No caso de Domirón o alumnado reinterpretou un cadro do pintor catalán Joan Miró nun dos muros do patio do centro. O traballo realizárono 62 nenos e nenas de entre 3 e 5 anos durante unha semana do mes de outubro. No colexio da Solaina participaron 25 nenos e 24 nenas de cuarto curso de Primaria, sobre a temática “Saudable”, realizando en novembro un escrito sobre a parede do comedor e unha representación de todos os alimentos da pirámide alimenticia. Por último, en decembro do pasado ano 39 nenos e 28 nenas de sexto de Primaria do colexio do Feal fixeron un graffiti baixo o lema “Respecta o teu patio”.

Taibo destacou a excelente acollida deste programa, que se ofertou aos centros de ensino da localidade e que rexistrou unha elevada demanda, estando pendiente traballar nos primeiros meses deste ano nos colexios nos que aínda non se realizaron os murais. Co pintado do deseñado para o Centro Comunitario Integrado “Manuela Pérez Sequeiros” esta proposta, impulsada desde a Concellería de Ensino, “permite tamén decorar outras instalacións municipais, ao tempo que diversificar aos beneficiarios potenciais desta proposta, non limitándoa exclusivamente ao ámbito escolar”, asegurou Mercedes Taibo.

24 de xaneiro de 2017 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.