Un total de 4 millóns de euros para labores de desbroce nos máis de 2.000 quilómetros de estradas provinciais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación, por un importe total de 3.902.395 euros, os contratos das campañas de desbroce nas estradas de titularidade provincial para os anos 2017 e 2018.

Coa fin de garantir as mellores condicións de circulación nos máis de 2.000 quilómetros da rede provincial de estradas nos 93 concellos coruñeses e de que os desbroces podan levarse a cabo antes da chegada do verán, a Deputación licita este servizo a principios do novo ano. Ademáis, por primeira vez, a limpeza e desbroce dos viais non estará incluido no Plan de Conservación de Estradas, senón que é obxecto dun contrato exclusivo para a realización destas labores, o que contribuirá a mellorar o servizo.

Segundo explicou o deputado responsable da área de Vías e Obras da institución provincial, José Manuel Pequeño, as empresas adxudicatarias encargaranse dos traballos de desbroce e limpeza de herbas e maleza nas marxes de todas as estradas provinciais, incluíndo cunetas, beiravías e taludes, co obxectivo de facilitar a visibilidade da circulación, evitar a propaganción de incendios e facilitar o drenaxe en caso de choiva.

Os traballos tamén contemplan labores de recollida, carga e transporte dos residuos dos desbroces ao vertedoiro, a limpeza dos sistemas de drenaxe das estradas, incluíndo sumidoiros, pozos e canais, e a limpeza ou substitución das sinais que se atopen deterioradas ou non se vexan adecuadamente. A campaña poderá incluír ata tres desbroces anuais, sendo o primeiro deles completo e os seguintes en función de necesidades puntuais.
Catro zonas de desbroce que suman un total de 2.103 quilómetros

Co fin de permitir unha maior axilidade na realización das labores, a campaña de desbroces desenvolverase en catro zonas xeográficas da provincia, correspondendo cada unha delas a un lote de estradas provinciais.

Deste xeito, a denominada como Zona A, comprende as comarcas de Ferrolterra-Ortegal e Eume, e inclúe o desbroce de 113 tramos de estrada, cunha extensión total de 557 quilómetros.

A Zona B, abarca 101 tramos de estradas das zonas da Coruña, Betanzos, Melide e Arzúa, cun total de 488 quilómetros. A Zona C, contempla as estradas da Coruña, Ordes, Santiago, Bergantiños e a comarca do Sar, con 88 tramos e 515 quilómetros e a Zona D, engloba a comarca do Barbanza, Noia, Barcala, Muros, Xallas, Fisterra e Terra de Soneira, con 111 estradas, e 511 quilómetros, respectivamente.

As catro zonas en conxunto fan un total de 2.103 quilómetros das 413 estradas provinciais nas que se efectuarán os traballos da campaña de desbroce. O investimento máximo para cada unha destas zonas ascende a 487.799,40 euros ao ano.

As empresas interesadas na realización destes traballos, teñen de prazo ata o 8 de febreiro de 2017 para presentar as súas ofertas. O contrato terá unha duración de dous anos, prorrogables a dous anos máis, segundo as bases reguladores da oferta desta licitación.

3 de xaneiro de 2017 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.