publicidade hoxe

Un total de 139 rapaces pasaron un Nadal Lúdico de cine en Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Academia de cine, este foi o título do programa de actividades que se desenvolveron durante o Nadal Lúdico, o programa que lles permitiu aos pais e nais dos 139 nenos e nenas que participaron do mesmo, conciliar a súa vida laboral e familiar durante as festas de Nadal. Nesta academia tan especial, os rapaces e rapazas adentráronse no mundo da ilusión, a fantasía e a creatividade para potenciar o talento dos e das artistas que forman parte dela. Este xoves, 5 de xaneiro, coincidindo co remate do programa, tivo lugar a cerimonia de entrega de premios logo das pezas que estes pequenos artistas realizaron durante as dúas últimas semanas.

Un dos fíos condutores que se mantivo ao longo das dúas semanas que durou a academia foi a realización dunha curtametraxe por parte dos nenos e nenas, pola cal se convertiron en protagonistas da historia e realizaron todo o proceso de elaboración da mesma (creación da historia que quixeron contar; redacción do guión; interpretación dos personaxes; persoal técnico de son, luces e claqueta; especialistas de atrezzo e decorados; maquillaxe e todas aquelas funcións necesarias para poder crear a súa propia curtametraxe).

En Bertamiráns os nenos e nenas desenvolveron o Nadal Lúdico no CEIP A Maía. Alí, crearon e gravaron unha gala especial de fin de ano, con moitas actuacións de música, baile, maxia… Hoxe xoves, na última xornada, tamén produciron a gala de entrega de premios que amenizaron con obras de teatro. Os máis pequenos atrevéronse cos Tres Porquiños a través dun espectáculo de títeres, mentres que os maiores elaboraron a súa propia obra, O polo sen botas, que tamén representaron durante a gala.

No Milladoiro, os nenos e nenas de educación infantil desenvolveron as súas actividades na EEI Milladoiro e os de educación primaria no polideportivo e na Casa da Cultura. Nesta localidade celebraron tamén esta mañá de xoves a gala de entrega dos Oscar, á que acudiron os nenos e nenas ataviados cunha paxariña que eles mesmos crearon. Todo isto logo da realización dunha curtametraxe que contaba unha orixinal historia de monstros e superheroes.

Entroido Lúdico

Por outra banda, o Concello de Ames mantén aberto o prazo de inscrición para anotarse no programa de conciliación Entroido Lúdico. Este pecharase o venres, 13 de xaneiro. O servizo desenvolverase os días 27 e 28 de febreiro, así como o 1 de marzo, no mesmo horario e coa mesma modalidade coa que se veñen impartindo os demais programas lúdicos.  

5 de xaneiro de 2017 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.