publicidade hoxe

UCGAL e Concello de Ames organizan unha xornada informativa sobre as cláusulas chan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Este mércores, 11 de xaneiro, técnicos da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) levarán a cabo unha xornada informativa no Concello de Ames baixo o título Que podo facer ante unha cláusula chan?, unha actividade cuxo obxectivo é axudar a veciñanza amesá a despexar as súas dúbidas sobre as cláusulas chan e o impacto que a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea terá sobre a devolución dos importes cobrados indebidamente. A xornada informativa levarase a cabo no salón de plenos do Concello de Ames ás 20:30 horas. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

A UCGAL recoñece que, trala sentenza ditada recentemente polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), o número de consultas sobre as cláusulas chan aumentou e que, practicamente cada día, atenden chamadas de persoas consumidoras que buscan información e asesoramento. Esta xornada informativa é a primeira dunha serie de actividades que a UCGAL desenvolverá nos vindeiros meses para achegar á cidadanía información actualizada e veraz sobre as cláusulas chan e as opcións que teñen as persoas afectadas por esta fraude masiva.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel Gonzalez, anima a toda a veciñanza que se poida ver afectada polo pago dunha hipoteca a asistir a xornada e faga valer os seus dereitos. Do mesmo xeito, lembra que os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os luns de 10:00 a 14:00 horas, e os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os mércores de 16:30 a 20:30 horas, e os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. 

9 de xaneiro de 2017 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.