Sométese a información pública o Plan de acceso dos autobuses ao centro da Coruña tras introducir achegas dos concellos da área e das empresas de transporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presidiu hoxe a Comisión de seguimento da Área de Transporte Metropolitano da Coruña, na que salientou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se somete a información pública o Plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro da cidade. No seguinte enlace pódese consultar esta publicación: goo.gl/10RLeQ

Nesta xuntanza, Helena de Lucas explicou as modificacións introducidas no Plan tras analizar as alegacións achegadas polos concellos e as empresas contratistas dos servizos de transporte público afectadas durante o período de información pública do texto que comezara o pasado 7 de xullo. Neste sentido, a Xunta incorporou no texto a entrada de liñas que non estaban incluídas, suprimiuse a parada de liñas non metropolitanas na zona de Catro Camiños e estableceuse que as liñas do corredor leste só pasarán pola estación de autobuses á saída cara a área metropolitana.

A directora xeral precisou que unha vez incorporados estes cambios, considérase necesario volver someter o plan a información pública. Así, a Consellería de Infraestruturas, coa vontade de aprobar este plan co maior grao de consenso, somete o novo documento á consideración dos concellos, aos que convida a manifestar as súas achegas sobre o mesmo nun prazo de 20 días. A última versión do texto está dispoñible na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, á que se pode acceder a través da seguinte ligazón: goo.gl/jGZYg5

Helena de Lucas manifestou que a Xunta dispón dunha análise do tráfico na cidade que será fundamental á hora de poñer en marcha o Plan de xeito gradual, co obxectivo de evitar as afeccións na posta en funcionamento.

O Plan de mellora do acceso dos autobuses ao centro da Coruña é unha iniciativa da Xunta de Galicia que pretende mellorar a mobilidade dos veciños da comarca e da cidade herculina optimizando os percorridos e paradas dos autobuses interurbanos no centro da cidade, eliminando a necesidade de transbordos.

Esta iniciativa suporá un incremento do 10 % aproximadamente no emprego do transporte público en detrimento do vehículo particular, o que posibilitará unha maior fluidez no tráfico.

13 de xaneiro de 2017 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.