Santiago Futsal recibe a P.R.Cartagena no último partido da primeira volta

Rolda de prensa de Santi e Dani Montes

Rolda de prensa de Santi e Dani Montes

Semana clave para o Santiago Futsal na que afronta dobre cita ante rivais directos na loita pola permanencia. Mañá martes recibe a Plásticos Romero Cartagena no último partido da primeira volta (21h, Fontes do Sar) e o venres a Jumilla FS (20.45h, Fontes do Sar)

Os brancos chegan ao encontro de mañá coa moral moi alta, tras converterse no segundo equipo que logra sacar algo positivo da pista do Municipal de Peñíscola xunto ao Pozo Murcia. Outra remontada con porteiro-xogador nos últimos minutos de partido valeu para que os santiagueses conseguisen un punto ao asinar un empate 7-7 ante Peñíscola RehabMedic. Terceira remontada no últimos catro partidos da escuadra que dirixe Santi Valladares “Durante o xogo non estamos acertados porque estamos a encaixar moitos goles. Pero temos outras virtudes, como é o xogo de cinco. Pero o éxito do ataque de cinco está na defensa, que son os que fan grandes aos atacantes. É algo que traballamos moito nos adestramentos e que nos está dando beneficio. Ademais, o grao de reacción destes xogadores, que parece que levan xogando a isto toda a vida, non é normal” explicou o técnico tras asinar outra histórica igualada no partido do sábado.

O martes reciben a un recentemente ascendido Plásticos Romero Cartagena, asentado na 14ª posición da táboa, con tres puntos menos que os brancos; que unha xornada máis se manteñen na duodécima posición con quince puntos. Valladares falou da importancia do encontro ante un rival directo por afianzarse na zona de tranquilidade e afastarse do descenso “Os tres puntos de mañá son vitais para nós, sobre todos porque nestas dúas xornadas hai enfrontamentos directos que poden deixar a dous equipos moi descolgados con toda a segunda volta por diante. Gañar mañá daríanos tranquilidade, motivación e positivismo para afrontar o partido do venres contra Jumilla FS, que tamén será outro partido complicado”.

O técnico santiagués tamén analizou ao seu rival en rolda de prensa, do que dixo “Plásticos Romero Cartagena é un equipo irregular. Fóra de casa conseguiron puntos moi bos. Teñen moi bo equipo, con xogadores de moita calidade e xente veterana. Nós teremos que manobrar ben os tempos dos xogadores, pensando neste partido e no seguinte (o venres) xa que temos un plantel moi cortiño. Non vai ser un partido fácil e esperemos gañalo, aínda que sexa no último segundo”.

Pola súa banda, o xogador Dani Montes ‘Chino’, quen sufríu unha escordadura no nocello no encontro ante Magna Gurpea e que é posible que estea dispoñible para o encontro de mañá, falou dos posibles motivos das últimas remontadas “Estamos a ser irregulares. Desconectamos do partido e parece que non somos capaces de entrar e de facer o noso xogo ata que nos poñemos por baixo. Está claro que o de levantar os marcados en contra e empata, e mesmo gañar, ao final non o fai calquera equipo. Temos que competir ao noso máximo nivel independentemente do marcador que se de no momento”.

O de Vitigudino salientou, do mesmo xeito que o técnico branco, a relevancia dos dous encontros en casa do Santiago Futsal “De gañar mañá e o venres daríamos un paso moi importante na loita pola permanencia. Pero non será nada fácil, P.R. Cartagena busca o mesmo que nós e será un partido moi duro. Tal e como está a liga nestes momentos ningún equipo regala nada”.

Santi Valladares contará, para o encontro de mañá, con todo o plantel; fóra de David Palmas (rotura do ligamento cruzando anterior) e a dúbida, ata finalizar o adestramento desta tarde, de Dani Montes ‘Chino’.

Outra información

Apertura de portas do Multiusos Fontes do Sar a partir das 20h.

No descanso terá lugar o habitual sorteo de material deportivo do club e o xogo “Coidado co xabaril” patrocinado por Charcuterías Seco.

9 de xaneiro de 2017 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.