Santiago Futsal e La Pepita Burguer Bar, saborosa combinación

Presentación do patrocinio de La Pepita Burguer Bar
Esta mañá tivo lugar a presentación do novo, e máis saboroso, patrocinador do Santiago Futsal. No acto estiveron presentes os dous propietarios do local de La Pepita Burguer Bar de Santiago de Compostela Miguel Álvarez e Javier Romero; o directivo do Santiago Futsal Federico Pérez; e o director xeral do club Miguel Fernández.
A distendida e amena rolda de prensa desenvolveuse no mellor ambiente posible: nun dos espazos do local compostelán da cadea de restauración. O director xeral do club, Miguel Fernández abríu a presentación “Este é o tipo de presentacións que máis nos gusta facer porque son os máis difíles de conseguir. La Pepita Burguer Bar é o prototipo de patrocinador que nos gusta: unha marca galega, en expansión, moderna, seria e diferente. Para nós é un orgullo que aposten por nós; entenden os valores que defendemos como a formación de canteira e a humildade. Agradecémoslles esta aposta e agardamos que poida ser duradeira.”
Pola súa banda, Miguel Álvarez, copropietario do local xunto a Javier Romero comentou “Desde hai algún tempo viñamos buscando unha unión co deporte local e co deporte de base, e o certo é que o Santiago Futsal era unha referencia para nós. O club deunos moitas facilidades para chegar a un acordo e estamos moi agradecidos. Este é o comezo dunha relación que agardamos renovar de aquí ao futuro”.
O directivo do Santiago Futsal, Federico Pérez, foi o encargado de pechar o acto, ao que puxo a nota cómica coa graza que o caracteriza “Agradecer en nome do club a vosa confianza e agardamos estar á altura, ou polo menos á anchura, para que o ano que vén sigades connosco. Asique bo proveito e que o que uníu a hamburguesa, que non o separe a ninguén.”
O patrocinio entre o Santiago Futsal e La Pepita durará ata o final da presente temporada con posibilidade de ampliarse ata o vindeiro curso. O club e a cadea de restauración realizarán accións conxuntas en partidos do primeiro equipo e cos propios xogadores do Santiago Futsal.











