Román Rodríguez destaca a implicación da comunidade educativa pontevedresa nos contratos-programa

Román Rodríguez na reunión con directores de centros educativos pontevedreses
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse hoxe cos directores dos centros educativos pontevedreses que este ano desenvolverán contratos-programa, un total de 190 colexios e institutos, o que supón o triple que hai 6 cursos. O titular do departamento de ensino da Xunta de Galicia quixo agradecer a docentes, equipos directivos e comunidade educativa pontevedresa a súa implicación nesta iniciativa, que constitúe unha das principais liñas de actuación do seu departamento para combater o abandono temperá e en prol da excelencia educativa.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que o traballo conxunto permitiu reducir ata niveis históricos na Comunidade a taxa de abandono temperá, que foi en 2016 dunha media do 15,2%, o que supón unha forte baixada desta taxa desde o ano 2009, que foi dunha media do 25,8%, e 3,8 puntos menos que a media de España, que finalmente acadou o 19% no 2016.
No acto participaron tamén o o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e o xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares, entre outras autoridades.
Máis profesores de apoio
Os 190 centros de ensino públicos da provincia de Pontevedra que este ano participan na iniciativa desenvolverán un total de 434 iniciativas diferentes nas 6 liñas diferentes de actuación que compoñen a convocatoria: Acompañamento escolar fóra do horario lectivo, Mellora das competencias clave, Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e Mellora da calidade na xestión dos centros.
A liña de actuación máis solicitada continúa a ser a número 1, para o reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural (antigo programa PROA). Un total de 147 centros educativos desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 102 docentes de apoio contratados a maiores pola Consellería para tal fin, un 18% máis ca o curso pasado. A liña número 2, a referida á mellora das competencias clave, é a segunda en número de participantes, con 138.
No caso da terceira liña, que se centra na mellora da convivencia e na promoción da igualdade, participarán nela un total de 73 centros; mentres que na cuarta, dirixida á prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar, contará coa participación de 8 centros.
Nas liñas 5 e 6, dirixidas á mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia, e á mellora da calidade na xestión dos centros, participarán 55 (case o dobre respecto di curso anterior) e 13 centros educativos públicos, respectivamente.
Os contratos-programas procuran unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro de ensino analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento , ‘o contrato-programa’, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.
Polo tanto, a iniciativa permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento, tanto do centro como da Administración educativa, para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.











