Quince liñas de transporte urbano modificarán os seus percorridos na celebración da Cabalgata de Reis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña vén de poñer a punto o dispositivo especial de tráfico que terá lugar este xoves, 5 de xaneiro, con motivo da celebración da Cabalgata de Reis. A comitiva, formada por 13 carrozas máis a do servizo de Bombeiros e catro trens turísticos, ademais de 464 figurantes, partirá ás 18.00 horas da Ronda de Monte Alto e percorrerá as principais rúas deste barrio e Peixería ata chegar á Praza de María Pita. Co gallo deste acto festivo, un total de quince liñas de transporte público urbano -1, 1A, 2, 2A, 3, 3A, 4, 5, 6, 6A, 7, 11, 17, 23 e 23A- adecuaranse ao tránsito da Cabalgata e verán modificado puntualmente o seu percorrido durante a tarde do xoves, coa finalidade de ofrecer á veciñanza o seu servizo a través de itinerarios alternativos.

As primeiras liñas que reaxustarán o seu itinerario serán as 6 e 6A xa que, desde pola mañá, as carrozas da Cabalgata se concentrarán na Ronda de Monte Alto -ás 10.00 horas sairán de Fonteculler cara o punto de encontro-, polo que, no momento que se produza o corte de tráfico, no lugar de circular por esta vía o farán por Santo Tomás, ata a glorieta da Ronda con Alcalde Sanjurjo, onde retomarán o seu percorrido habitual.

Unha vez comece o desfile, contra ás 18.00 horas, a Policía Local cortará o tráfico ao paso da comitiva na avenida de Hércules, rúa da Torre e Campo da Leña, polo que as liñas 3, 4, 6, 6A, 7 e 11, circularán polo Paseo Marítimo desde os Salesianos ata a glorieta da Torre, e terán como cabeza de liña esta parada. As mesmas liñas regresarán polo Paseo Marítimo e entrarán, a través de Modesta Goicouría, na Praza de Pontevedra, onde contarán cunha parada provisional no número 18 (oficinas do Deportivo da Coruña).

As liñas 4 e 11, no momento que non sexa posible circular por San Andrés, xirarán desde Francisco Mariño cara Juan Flórez, Médico Rodríguez, Fernando Macías, Calvo Sotelo, Avenida de Bos Aires e Paseo Marítimo, ata chegar á glorieta da Torre. Do mesmo xeito, as liñas 6 e 6A, xirarán, desde a avenida de Finisterre, cara Juan Flórez, para continuar por Médico Rodríguez, Fernando Macías, Calvo Sotelo, Avenida Bos Aires e Paseo Marítimo; e as liñas 3 e 7, desde a Avenida de Bos Aires, continuarán polo Paseo Marítimo -a 3 ata Adormideras e a 7 ate a Torre-.

Por outro lado, as liñas 5 e 17, dende a Praza de Ourense, continuarán pola Avenida do Porto, túnel do Parrote, Praza das Ánimas, Abente y Lago, Metrosidero, Orillamar e Torrente Ballester. Dende aquí, a liña 5 continuará até Adormideras regresando polo Paseo Marítimo (coas liñas 3A e 17, cara Veramar, Metrosidero e Abente y Lago, xirando cara ao túnel do Parrote e Praza de Ourense (onde a liña 17 recupera o seu itinerario habitual). As liñas 3A e 5, pola súa banda, continuarán por Juana de Vega e a Praza de Pontevedra, 18 (oficinas do Deportivo).

Unha vez que se libere ao tráfico a Avenida de Hércules, o que terá lugar a partir das 18.00 horas, as liñas 4,6,6A, 7 E 11 dende o Paseo Marítimo, circularán pola Avenida de Navarra, Santo Tomás (6 e 6A pola Ronda de Monte Alto), Avenida de Hércules e Ramón del Cueto cara ao Paseo Marítimo, Modesta Goicouría e Praza de Pontevedra, 18. A liña 5, dende Adormideiras, circulará tamén polo citado itinerario. A liña 17 -unha vez se restrinxa ao tráfico a Abenida de Hércules, e até que ocorra o mesmo na rúa da Torre- baixará por Ramón del Cueto, continuando polo Paseo Marítimo até a Torre de Hércules, continuando pola rúa Veramar, onde recuperará o seu horario habitual.

Por último, as liñas que circulan desde a Praza de Ourense cara o Abente y Lago -1, 1A, 2, 2A, 5, 17, 23 e 23A- transitarán pola avenida do Porto, túnel do Parrote e Praza das Ánimas, regresando, de novo, polo túnel. Para poder facer isto, a parada do Abente y Lago trasladarase á glorieta das Ánimas. Ademais, todas estas liñas que circulen polo túnel contarán cunha parada provisional á altura do Kiosco Alfonso, en ambos os dous sentidos.

3 de xaneiro de 2017 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.