Pustovyi, Pechacek e Bendzius regalaron entradas por cada xoguete entregado en Caeiro Rey
Os xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro, Artem Pustovyi, Adam Pechacek e Eimantas Bendzius visitaron esta tarde o concesionario Caeiro Rey, membro do Club de Empresas Obradoiro e provedor oficial de vehículos do club, para colaborar na recollida de xoguetes que leva a cabo a entidade.
Os xogadores regalaron unha entrada en Tribuna 2 para o partido do equipo contra o Montakit Fuenlabrada (domingo 15, 18.30 horas) a todos os afeccionados que entregaron un xoguete. Até o concesionario achegáronse maiores e pequenos e, aínda que eran estes últimos os que entregaban os xoguetes na gran parte dos casos, os pais non dubidaron en aproveitar a ocasión de posar tamén cos tres xogadores e levar os seus autógrafos.
Os xoguetes colleitados hoxe sumaranse aos que xa se foron acumulando estes días nos dous coches familiares habilitados para a ocación (na Coruña e Santiago) nos que a xente podería depositar os seus xoguetes e serán doados a Cáritas.
Por outra banda, Mickey McConnell recibiu esta tarde a todos os afeccionados que se achegaron a Tiro Libre Scq, tenda oficial do club, para asinar autógrafos e posar xunto ao xogador. Ademais de asinar os cartóns coa imaxe da base, non faltaron as dedicatorias nas camisetas de xogo do equipo, balóns, sudadeiras, bufandas… E Mickey gozou dun agradable e divertido intre coa afección, que realizaron as súas peticións tanto en castelán como en inglés, e que a base entendeu á perfección.











