publicidade hoxe

Publícanse as convocatorias de axudas para concellos e asociacións por un importe conxunto de 11 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe tres ordes de axudas da Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o financiamento de proxectos promovidos por entidades locais e asociacións por un importe global de 10,7 millóns de euros.

Por unha banda, o DOG publica a orde pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2017, destinadas a entidades locais de Galicia.

O Fondo de Compensación Ambiental ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. Para o financiamento da convocatoria de subvencións destínanse un total de 7,7 millóns de euros.

Por outra banda, no Diario Oficial de Galicia sae hoxe publicada tamén a orde pola pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de preto de dous millóns de euros (1.986.666)

En concreto, serán beneficiarios os concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes a 1 de xaneiro de 2015, publicadas polo Instituto Galego de Estatística e que teñan remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2015 ao Consello de Contas.

Asociacións de veciños

Por último, a Vicepresidencia tamén publica hoxe no DOG a convocatoria de subvencións para o outorgamento de axudas específicas para investimentos destinadas as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritos no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais.

Estas axudas contan cun orzamento de un millón de euros.e teñen como finalidade contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal para a realización de investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos que lles corresponda o dereito de uso, camiños veciñais e traídas de augas veciñais coa finalidade de mellorar a prestación dos servizos de interese veciñal análogos aos encadrados como servizos básicos municipais na lexislación básica de réxime local, mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.

20 de xaneiro de 2017 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.