publicidade hoxe

Preséntase o primeiro torneo de pádel de Ames que se disputará o 4 de febreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Presentación do torneo de pádel

Presentación do torneo de pádel

O Concello de Ames e Let Pádel Ames colaboran para poñer en marcha unha nova iniciativa. Trátase da primeira edición do torneo de pádel Concello de Ames, que se disputará o sábado, 4 de febreiro, nas instalacións que ten esta entidade no lugar de Firmistáns, en Bugallido. Para participar nesta competición é preciso inscribirse previamente. As inscricións, que estarán abertas ata o 2 de febreiro, pódense realizar de xeito presencial nas oficinas de Deportes de Bertamiráns (Casa do Concello) e do Milladoiro (Casa da Cultura), chamando ao número de teléfono 981 54 87 91 ou enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou info@letpadelames.es Está previsto que máis de 100 persoas participen neste campionato.

A presentación do primeiro torneo de pádel do Concello de Ames correu a cargo do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, e do xerente de Let Pádel Ames, Miguel Martínez de Orense. O concelleiro de Deportes animou á veciñanza a que “se inscriba neste primeiro torneo de pádel que organiza o Concello de Ames, xa que haberá varios niveles de xogo e permitirá que, tanto aos que se inician neste deporte coma aqueles que son máis expertos, pasen unha tarde gozando do deporte. O obxectivo principal desta competición é achegar este deporte á cidadanía”. Ademais, Miñones, explicou que se elixiron as instalación de Let Padel para desenvolver esta competición porque dispoñen de oito pistas e permiten albergar todos os partidos do torneo nunha soa xornada”.   

Por outra banda, o xerente de Let Pádel Ames, Miguel Martínez de Orense explicou que “o torneo se disputará nunha soa xornada. Previsiblemente, se comece arredor das 15:00 horas da tarde e se remate as 22:00 horas coa entrega de premios. Trátase dun torneo moi familiar xa que os fillos/as dos participantes tamén poden acudir a ver os partidos e disputar o torneo. Se hai un número de rapaces e rapazas suficiente, crearase un grupo específico para eles. Ademais, a xornada rematará cuns petiscos para todos os participantes trala entrega de trofeos”. 

Este torneo disputarase na modalidade masculina, feminina e mixta. Para participar nesta competición é preciso inscribirse previamente. Cada participante poderase inscribir nunha categoría (non se pode xogar masculino e mixto ou feminino e mixto). Os participantes estarán divididos en grupos dependendo do seu nivel de xogo. Prevese que haxa tres niveis de xogo na categoría masculina e un ou dous niveis nas categorías feminina e mixa, dependendo do número de inscritos/as. Ademais, no caso de que haxa rapaces e rapazas suficientes crearase un grupo específico para eles.    

Tramitación das inscricións

As inscricións, que estarán abertas ata o 2 de febreiro, pódense realizar de xeito presencial nas oficinas de Deportes de Bertamiráns (Casa do Concello) e do Milladoiro (Casa da Cultura), chamando ao número de teléfono 981 54 87 91 ou enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou info@letpadelames.es. O prezo da inscrición é de 12 euros para as persoas que sexan socias de Let Pádel Ames (9 para os que ademais de ser socios estean empadroados en Ames) e 17 euros para os non socios/as (14 para os empadroados/as en Ames).

Calquera persoa que se inscriba neste torneo ten garantido, como mínimo, xogar tres partidos dun set e disporá de bolas, auga, froita, cátering e seguro médico. Ademais, só por participar faráselle a cada participante un desconto na tenda de informática ZonaPC. Asemade, haberá un sorteo de ceas, comidas, dunha táblet, dun bolso artesán, dun curso de baile/pilates, e dun teléfono móbil. Cómpre destacar que o 90% dos patrocinadores deste torneo son establecementos de Ames.

O campión na categoría masculina e o participante masculino da categoría mixta levarán un trofeo, un bono de gasolina e unha equipación de Softee, mentres que a campioa da categoría feminina e a participante feminina da categoría mixta levarán un trofeo e un conxunto Naffta. Ademais, os finalistas (masculinos e femininos) serán obsequiados cun conxunto de produtos de perruquería ICON.

19 de xaneiro de 2017 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.