Política Social reforza o Servizo de Axuda no Fogar que financia aos concellos incrementando nun 17% as horas de prestación
A Consellería de Política Social reforzou o servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia grazas a un incremento de preto do 17% nas horas de prestación que financia aos concellos da provincia de Lugo.
Así o destacou o delegado territorial, José Manuel Balseiro, quen explicou que durante o pasado ano asignáronse no conxunto da provincia 122.647 horas de axuda no fogar sufragadas pola Xunta fronte ás 105.154 do ano 2015.
Balseiro afirmou que o investimento para o sostemento deste servizo alcanzou os 14,2 millóns de euros e explicou que “con este esforzo orzamentario podemos cubrir practicamente a totalidade da demanda de solicitantes”.
A Xunta financia a todos os concellos o servizo de axuda no fogar que prestan ás persoas con dependencia, e no último exercicio 61 municipios lucenses puideron dispoñer de máis horas de prestación e polo tanto chegar a máis usuarios grazas a esta medida.
Balseiro asegurou que a Consellería de Política Social mantén o compromiso de continuar incrementando a atención ás persoas dependentes. Neste sentido, cabe subliñar que no conxunto de Galicia incrementáronse as horas de prestación de axuda no fogar para persoas dependentes en 220 concellos. Deste xeito, chegouse en novembro do 2016 aos 48.531 dependentes atendidos, cando en 2009 eran 14.000.
Así mesmo, incrementáronse as prazas públicas en residencias, centros de día e centros de día especializados, así como o número de persoas que reciben distintos servizos de teleasistencia e servizos de promoción.











