publicidade hoxe

Política Social avanza a apertura da segunda escola infantil “Galiña Azul” de Burela para setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurela
A-
A+

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, mantivo un encontro esta mañá co alcalde de Burela, Alfredo Llano García, na sede do ente da Consellería de Política Social. Rodríguez confirmou que a posta en funcionamento da nova escola infantil de Burela, que será a segunda da rede autonómica “Galiña Azul” nese concello lugués e que contará cunha capacidade máxima de 41 prazas, terá lugar o próximo mes de setembro.

Nesa liña, ambos os dous responsables concordaron que a apertura nese mes é o máis acaído e operativo porque coincide co inicio do curso ordinario para os alumnos do resto de centros da “Galiña Azul”, cuxa convocatoria publícase habitualmente -este ano tamén- a finais do mes de febreiro. Xerente e alcalde coincidiron en que convocar agora un período extraordinario de matrícula na nova escola “non tería sentido xa que ademais tardaría uns tres meses en tramitarse de xeito completo”. “Só serviría, pois, para gañar dous meses, tendo en conta tamén que agosto é un mes inactivo”, explicaba Perfecto Rodríguez, “pero en cambio suporía unha grande confusión e máis trámites para os país dos pequenos, xa que terían que solicitar ao mesmo tempo praza para o curso 2017-2018 no período ordinario de matrícula”. “A iso hai que engadir que, se só se establece inicialmente o período ordinario, para comezar en setembro, as familias poderán optar por calquera dos dous centros que estarán operativos en Burela, en función da súa orde de prioridade”, concluíu o xerente.

As obras de acondicionamento da nova escola de Burela -situada na zona de Os Castros- xa están practicamente rematadas e, neste momento, só están pendentes de pequenos remates e do posterior permiso de inicio de actividade. Así mesmo o Consorcio xa adquiriu o equipamento para ese centro, que será instalado -como se realiza sempre nestes casos- nas semanas previas ao comezo do curso, co fin de evitar o seu deterioro previo. Co calendario establecido hoxe polo xerente do Consorcio e o alcalde de Burela, esa preparación do centro para o comezo da actividade, e os trámites necesarios para levalo adiante, poderán desenvolverse de xeito máis preciso e ordenado.

No próximo mes de febreiro, o xerente do Consorcio cursará unha visita ao Concello de Burela para supervisar co rexedor burelense a culminación do acondicionamento da parcela da nova escola infantil. Ese centro foi co-financiado polo Concello de Burela e supuxo para o ente de Política Social un investimento de 525.896,78 euros, que inclúen obra, proxecto, dirección de obra, equipamento, acondicionamento da parcela e obras de mellora interiores.

Coa posta en funcionamento da segunda escola infantil da “Galiña Azul” en Burela, que disporá de máis de 390 metros cadrados de superficie, a oferta da Consellería de Política Social para nenos de 0 a 3 anos nese concello lugués pasará de 122 prazas (as que ten como capacidade máxima o actual centro) a 163.

26 de xaneiro de 2017 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.