Política Social amosa o seu compromiso cos afectados por TDAH na comarca de Ferrol
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, mantiveron hoxe unha reunión con representantes da Fundación Ingada, entidade que recentemente establecía unha nova sede en Ferrol na que ofrece asistencia integral a persoas afectadas por Trastornos por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH). O encontro forma parte da rolda de entrevistas que se están a realizar dende a Consellería de Política Social co obxectivo de coñecer de primeira man as actuacións que levan a cabo as entidades que traballan no eido dos servizos sociais. Unha xuntanza que Rey Varela valoraba positivamente así como o feito de que a Fundación inaugurase unha sede na cidade departamental, “o que sen dúbida – destacaba – redundará no benestar de todas aquelas persoas da comarca afectadas polo TDAH”.
O conselleiro de Política Social lembrou que “un 5,6% da poboación infantil está afectada por este trastorno, así como 4 de cada 100 adultos”. Unha porcentaxe que segundo apuntaba Rey Varela converte o TDAH nunha das causas máis frecuentes de fracaso escolar e nunha patoloxía que non se limita á idade pediátrica, senón que perdura ao longo da vida. Trátase polo tanto, dun trastorno con gran incidencia na sociedade e o conselleiro de Política Social quixo amosar o seu compromiso con este colectivo tendendo a man da cara a posibles futuras colaboracións do departamento autonómico con Ingada Ferrol para poder facilitar o seu labor diario e que os seus recursos continúen a chegar ás persoas que máis o precisan. “Debemos ser capaces, tanto dende o goberno autonómico como dende as entidades, de sensibilizar á poboación para integrar socialmente ás persoas con TDAH, facilitando que poidan levar unha vida totalmente normalizada na nosa sociedade”, apuntou Rey Varela. “Compartimos obxectivos coa Fundación, e por elo, no camiño da inclusión social e do benestar deste colectivo, sempre atoparán á Consellería de Política Social”, concluíu o titular autonómico.
Segundo apuntaron desde a asociación esta mañá, Ingada busca mellorar a atención e o asesoramento desde o punto de vista clínico, psicopedagógico e xurídico que se ofrece aos pacientes de TDAH. Así mesmo, tratan de complementar a formación que teñen aqueles colectivos sociais ou profesionais máis relacionados con este trastorno, dedicando un especial énfase á investigación e á divulgación da problemática contra a que loitan. A asociación conta coa colaboración de profesionais do campo da psicoloxía e da medicina, grazas aos cales pode desenvolver diversas actividades entre as que destacan os grupos de axuda mutua entre afectados e familias; a terapia ocupacional; o programa para a atención a adolescentes en aras de evitar condutas delitivas, abusos de substancias tóxicas e problemática social; ou as reunións informativas e orientativas e obradoiros para as familias, profesionais e poboación en xeral.