Ourense en Común defenderá as condicións laborais do Servizo de Limpeza de dependencias municipais
Ourense en Común rexistraba este luns unha moción de cara ao primeiro pleno do ano, no que solicitará a continuidade do servizo de limpeza de dependencias municipais respectando as condicións laborais das traballadoras. A empresa responsable pretende finalizar o 31 de xaneiro a prestación,que mantén en precario desde o pasado mes de abril en que remataba o contrato.
Neste servizo de limpeza, como acontecía recentemente co Servizo de Axuda no Fogar, “son novamente as traballadoras as vítimas da falta de dilixenciado equipo de goberno do Partido Popular, que reflicte unha vez máis a súa nula capacidade de planificación”.
Desde febreiro de 2016, o Concello foi informado ata en tres ocasións da intención da empresa de non continuar prestando o servizo, unha cuestión que Jorge Pumar,edil responsable,non trasladou ao resto de grupos da corporación, e sobre a que ademais mentiu na última Xunta de Área, tal e como consta na acta do pasado 3 de xaneiro. Tras ser interpelado por Ledicia Piñeiro de OUeC, o edil do Partido Popular afirmaba que a empresa comunicou en decembro de 2016 que non seguiría prestando o servizo, ocultando as reiteradas ocasións en que a empresa sí informaba ao consistorio, xa desde antes da finalización do período de duración inicial do contrato.
Ourense en Común pedirá que se inclúan cláusulas estratéxicas nos pregos de contratación do novo servizo, dando así cumprimento á moción do grupo aprobada no pasado mes de setembro cos votos a favor de PP, PSdeG-PSOE e OUeC.











