Os concellos poderán optar ás axudas da Deputación da Coruña para Servizos de Normalización Lingüística até o 31 de xaneiro
O día 31 de xaneiro rematará o prazo para que os concellos se presenten ás axudas da Deputación da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos Servizos de Normalización Lingüística. A convocatoria presenta como unha das novidades a redución de 7.000 a 5.000 o número de habitantes necesarios para concorrer á convocatoria.
A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña abre hoxe o prazo de presentación á convocatoria de axudas para a creación e mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos para a que destina un orzamento de 480.000 €.
Unha das principais novidades da convocatoria é a diminución do número de habitantes necesarios para optar ás axudas que pasa de 7.000 a 5.000. As cidades poderán tamén concorrer para reforzar os servizos existentes. Tamén se poderán presentar á liña de axuda agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, alcancen esa cifra mínima.
Tendo en conta a continua perda de galegofalantes que se produce nos ámbitos cidadás, a convocatoria permite ás cidades da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela optar ás axudas, neste caso, para a contratación de persoal técnico de reforzo, como se recolle nas bases publicadas no BOP do día 2 de xaneiro no BOP.
A Área de Normalización Lingüística destina 480.000 € a esta liña de axudas, correspondendo un máximo de 12.000 € a cada beneficiario nunha distribución a partes iguais entre cada un dos participantes no programa. O orzamento continúa a súa liña crecente nesta convocatoria que triplicara o pasado ano o seu orzamento, pasando de 150.000 € aos 432.000 € e duplicara a tamén a cantidade recibida por cada un dos concellos que pasaba así de 6.000 a 12.000 euros.
As axudas económicas destinaranse a financiar as retribucións do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais co fin de “incrementar o uso e prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos e sectores do termo municipal, non só no seo da propia administración”.
A convocatoria contempla, entre outras funcións dos SNL, o asesoramento a administración en política lingüística, velar polo cumprimento da lexislación na materia, fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade, propoñer programas de dinamización ou mesmo mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración. Os servizos funcionarán tamén como elementos de coordinación e apoio entre a Deputación e os concellos en materia de normalización lingüística apoiando e difundindo accións ou á hora de planificar e executar iniciativas conxuntas.
O prazo de presentación de solicitudes finalizará ás 14:00 horas do 31 de xaneiro de 2017.
Máis información no BOP do 11 de xaneiro de 2017 e as bases reguladoras da convocatoria completas no do 2 de xaneiro.











