Os camiños xacobeos da provincia da Coruña, protagonistas en Fitur

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Camiño Inglés, o Camiño Fisterra-Muxía e o Camiño de Santo André de Teixido foron os protagonistas do acto co que a Deputación da Coruña participa no programa oficial da Feira Internacional de Turismo (Fitur), que ten lugar en Ifema ata o día 22 de xaneiro.

A presentación “Camiños de A Coruña” é a primeira das accións que a Deputación realizará na feira, co obxectivo de promocionar ante o público profesional do ámbito do turismo as tres rutas xacobeas que discorren integramente pola provincia.

O acto, que foi retransmitido en directo a través da web e das redes sociais da Deputación, comezou coa intervención do deputado de Facenda, Antonio Leira, quen explicou a especial relevancia e potencialidade turística do Camiño Inglés, así coma as actuacións que a Deputación da Coruña desenvolve para a súa promoción e desenvolvemento.

Antonio Leira explicou que se trata dunha ruta “bicéfala que parte desde A Coruña e desde Ferrol”, ofrecendo ao peregrino multitude de atractivos medioambientais, artísticos, culturais, históricos ou gastronómicos.

Asemade, o deputado provincial fixo unha descrición pormenorizada dos diferentes puntos de interese da ruta, coma a panorámica que ofrece das Rías Altas e dos “bosques autóctonos de gran valor ecolóxico”. Leira enxalzou a gran cantidade de monumentos e mostras dos estilos románico e barroco galegos, coma a Igrexa de San Francisco ferrolá, o mosteiro de San Martiño de Xubia, as construcións relixiosas de Neda e Pontedeume, o castelo de San Antón ou a igrexa coruñesa de Santiago, que se poderían ver beneficiados coa promoción do Camiño Inglés.

Na súa intervención, Antonio Leira tamén destacou o “investimento para deixar toda a ruta impecable” que realiza Deputación da Coruña, asegurando que tanto as sinalizacións coma os sendeiros se atopen en bo estado para favorecer o tránsito dos peregrinos.

Promoción do Camiño no Reino Unido

O deputado provincial confirmou a aposta da Deputación pola ruta, que continuará potenciando para que o 2017 sexa “o ano do Camiño Inglés”. Leira destacou especialmente ás actividades de promoción que se realizan en Inglaterra, como foco potencial de peregrinos para este camiño. Neste sentido, salientou a iniciativa da abadía inglesa de Finchale, unha das orixes históricas da ruta xacobea. Coa participación da Deputación, o pasado ano “recuperouse a peregrinación despois de medio milenio de silencio” atraendo a máis de 30 persoas á Coruña.

Así mesmo, Antonio Leira quixo remarcar a labor desenvolvida desde o Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés, ubicado en Sigüeiro, que xa ten convocado dous certames internacionais para xerar coñecemento a cerca desta ruta xacobea.

A ruta do Medievo e o Camiño Fisterra-Muxía

A presentación “Camiños de A Coruña” continou coa ponencia de Ramón Tudela, presidente da Fundación Santo André de Teixido, quen presentou a antiga Ruta do Medievo que vai dende Betanzos ata o Santuario de Teixido, pasando polos concellos de Coirós, Paderne, Irixoa, Monfero, A Capela, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Cedeira.

Tudela destacou a labor da Deputación en prol da recuperación desta ruta, que pon en valor o patrimonio cultural e artístico da provincia, coma os mosteiros de Monfero e Caaveiro, o parque natural das Fragas do Eume ou o castelo de Moeche.

O evento organizado pola Deputación da Coruña rematou coa intervención de Jesús Picallo, secretario da Asociación Solpor, na que presentou a “Fisterrana” e a “Muxiana”, dúas credenciais que acreditan que se fixo o camiño ata estes dous puntos da provincia. Picallo agradeceu á Deputación da Coruña o seu “compromiso co itinerario”, a través da impresión dos primeiros 15.000 exemplares das credenciais.

Así mesmo, Picallo amosou a primeira guía desta ruta, editada en galego, castelán e inglés, co obxectivo de atraer aos peregrinos a continuar a prolongación do Camiño ata o “fin do mundo” dos antigos.

Ademais da presentación de promoción dos tres camiños, a Deputación difundirá en Fitur os seis xeodestinos de especial interese da provincia como son “Rías Altas: Ferrolterra e Eume”, “Rías Altas: A Coruña e As Mariñas”, “Costa da Morte”, “Terras de Santiago”, “Rías Baixas: Ría de Muros e Noia” e “Rías Baixas: Ría de Arousa Norte”.

18 de xaneiro de 2017 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.