O Servizo Municipal de Emerxencias comeza a impartir a formación sobre uso de desfibriladores
O Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil iniciou hoxe a impartir os cursos sobre o uso dos desfibriladores intelixentes instalados recentemente en numerosos edificios públicos da cidade. A formación comezou polo persoal e profesorado da Escola Municipal de Música, continuará polos traballadores dos demais edificios e sedes municipais e ampliarase a adestradores, directivos e técnicos dos clubs deportivos da cidade. Con estes cursos o Concello pretende que o maior número posible de persoas perdan o medo e sexan capaces de usar os equipos de uso público en caso de emerxencias que o precisen.
O Concello adquiriu o ano pasado 12 desfibriladores intelixentes co obxecto de dotar deste sistema a todas as instalacións públicas municipais e lugares onde se producen acumulacións importantes de xente a efectos de dar unha rápida resposta en caso dunha emerxencia vital. Os equipos, que complementaban aos xa existentes, instaláronse dentro de cofres protectores en edificios de acceso público, en lugares ben visibles e perfectamente sinalizados.
Os equipos adquiridos polo Concello son os máis doados de usar que existen no mercado e aptos tanto para usar en adultos como en intervencións pediátricas. Trátase de desfibriladores intelixentes deseñados para ser utilizados por calquera persoa. De feito, o sistema ten uns electrodos que informan mediante sinais auditivas e visuais na pantalla se están conectados correctamente. Ademais conta cun sistema de axuste automático de volume de xeito que o propio equipo mide o ruído ambiental para garantir as indicacións que emiten son perfectamente audibles pola persoa que está a usar o desfibrilador. O equipo tamén detecta si se está realizando correctamente a reanimación CPR e, de non ser así, axuda a completala con instrucións sonoras e visuais na pantalla.
Os lugares nos que se pode atopar son o Concello, o Auditorio, A Casa da Cultura de Rey Daviña (que inclúe Biblioteca-Salón García), Fexdega, a Praza de Abastos, a Escola de Música, o pavillón de Fontecarmoa, o de Castelao e os campos municipais de fútbol de Vilaxoán, Bamio, Berdón e Faxilde. A estes equipos súmanse os 3 cos que xa se conta para os postos de socorro das praias de Bamio, Concha-Compostela e Vilaxoán, máis os 2 instalados nas ambulancias do Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil, un na propia base e sede da Escola Obradoiro e outro para a realización de prácticas e cursos.











