publicidade hoxe

O Sergas asume os gastos de mantemento dos centros de saúde de Anafáns e de Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPoioPontevedraRibadumia
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinou esta tarde dous convenios cos alcaldes de Poio, Luciano Sobral Fernández, e de Ribadumia, David J. Castro Mougán, polos cales o Servizo Galego de Saúde asumirá os custos de mantemento dos centros de saúde de Anafáns, en Poio, e do de Ribadumia, respectivamente.

Segundo os acordos, cada un destes concellos comprométese á realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios para a cesión patrimonial, libre de cargas e gravames, das instalacións. En todo caso, se o edificio deixase de prestar servizo sanitario, os concellos poderán exercitar dereito de reversión sobre el.

A documentación que cada concello deberá remitir ao Sergas inclúe a certificación do acordo do Pleno da corporación municipal cedendo á Administración sanitaria o centro; a certificación de titularidade do Rexistro da Propiedade, así como a situación de cargas e gravames; a referencia catastral; e a certificación de cumprimento do establecido nos artigos 109 e 110 do regulamento de bens das entidades locais (referidos á súa cesión).

Posteriormente, e unha vez autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, a cesión será elevada a escritura pública e inscrita no Rexistro da Propiedade.

Pola súa banda, o Sergas comprométese a asumir os gastos de mantemento do centro de saúde a partir do momento en que se formalice a cesión patrimonial. Neste sentido, o concello lle facilitará os datos precisos para o cambio de titularidade dos contratos de subministracións vixentes e dos servizos prestados no edificio. As obrigas económicas pendentes, anteriores á data na que o Servizo Galego de Saúde se faga cargo dos gastos de mantemento, corresponderán ao concello.

Estes convenios enmárcase no desenvolvemento do Pacto Local, que recolle unha serie de actuacións entre as que se inclúe a asunción dos custos de mantemento de centros de saúde actualmente a cargo dos concellos.

27 de xaneiro de 2017 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.