O Santiago Futsal busca a primeira vitoria do ano ante Jumilla FS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Segunda cita en tres días para os equipos da LNFS. Un caprichoso calendario dispuxo dobre xornada do Santiago Futsal como local no feudo compostelán. Tras a visita de Cartagena Plásticos Romeu do martes (2-3), mañá reciben a Bodegas Juan Gil Jumilla FS (Fontes do Sar, 20.45h) no primeiro partido da 2ª volta.

Santi Valladares analizou o sucedido no encontro do martes ante o equipo cartaxenero, no que os brancos cederon ante un rival directo a pesares de adiantarse no marcador na primeira parte “Desde o primeiro partido de Liga (contra Jumilla FS) estamos a arrastrar os mesmos erros; erros que nos mataron durante toda a primeira volta. Ante Cartagena FS estivemos moi ben os 12 primeiros minutos; dos mellores do equipo no que levamos de temporada, pero o equipo comezou a botarse atrás e en 50 segundos cometemos dous erros terribles de falta de experiencia. Na segunda parte tivemos ocasións para reducir e empatar, pero non tivemos fortuna, nin co xogo 5 que nos viña dando resultado”. Valladares engadiu que “Temos equipos para gañarlle a calquera pero non podemos cometer erros infantís, de falta de experiencia e experiencia. Temos que ser contundentes na toma de decisións.”

Ante eles mañá un Bodegas Juan Gil Jumilla FS que ocupa o último posto da táboa con 4 puntos, equipo que só logrou puntos ante Gran Canaria (2-2) e Levante UD DM (1-2). Valladares dixo da escuadra branquiazul “Son un equipo que, a estas alturas, van cometer todos os riscos para lograr puntuar. Aínda que van aí abaixo, excepto resultados puntuais, chegan aos minutos finais dos partidos con marcadores axustados. Saen a peito aberto e sabemos que o partido de mañá será moi complicado”. Ao que apuntou que os brancos terán que “ser máis sólidos e non ter páxaras ou momentos de desconexión”.

O técnico santiagués concluíu que “Se o partido ante Cartagena FS era importante, o de mañá antóllase vital. Gañar mañá significaría descolgarnos do último clasificado e tal e como está a liga, que ninguén deixa nada, é moi importante para a segunda volta”.

O xogador madrileño Pablo Mel, que tamén asistiu á rolda de prensa previa ao partido de mañá, tamén se pronunciou sobre os erros cometidos no partido ante Plásticos Romeros Cartagena “O partido saíulles perfecto. Agardaban aproveitar os nosos erros e foi o que fixeron. Co marcador ao noso favor 1-0 non fomos capaces de ler o partido, estamos tan afeitos e temos tan automatizado un guión, que non nos demos conta no momento de varialo. Outra vez volveunos castigar a primeira parte, os problemas e os erros que estamos a ter cometémolos nos primeiros 20 minutos.”

En canto ao partido de mañá, Mel explicou “Non podemos escatimar en esforzos nin perdoar as que teñamos. Mañá non podemos fallar. Estar listos e ter a experiencia suficiente para manexar o partido se nos poñemos por diante. A clave do noso equipo radica na defensa e cunha boa defensa, todo irá ben”. Ademais, Pablo sabe que “eles veñen aquí a sacar puntos como sexa, cun xogo táctico e anárquico moi perigoso. Será un partido moi igualado no que teremos que traballar de principio a fin”.

Outra información

O encontro de mañá entre Santiago Futsal e Bodegas Juan Gil Jumilla FS celebrarase no Fontes do Sar ás 20.45h. As portas abriranse sobre as 20h, do mesmo xeito que o despacho de billetes do pavillón.

O prezo das entradas será de 10€ adulto, 5€ xuvenil (13-17 anos) e 2€ infantil (4-13 anos). Os abonados accederán de maneira gratuíta ensinando o seu abono na porta de acceso ao pavillón.

No descanso realizarase o habitual sorteo de material deportivo do club, para o que se poderán mercar rifas polo prezo de 1€ no hall de entrada; e o xogo ‘Coidado do Xabaril’ patrocinado por Charcuterías Seco.

12 de xaneiro de 2017 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.