O Punto Limpo Móbil pasará este mes por nove ubicacións distintas da Coruña
A Concellería de Medio Ambiente vén de informar da situación do servizo do Punto Limpo Móbil para o este mes de xaneiro, no que se achegará a 9 ubicacións distintas da cidade. En concreto, dende hoxe, e até o xoves, 5 de xaneiro, instalarase na Praza de Pablo Iglesias, mentres que o día 7 estará en Mesoiro, concretamente na rúa Illas Sisargas. Posteriormente, e durante as xornadas do 10 ao 12 recalará diante da Audiencia Provincial, mentres que os días 13 e 14 de xaneiro estará no Campo de Marte. As xornadas do 17 ao 19 de xaneiro ubicarase en Lonzas, concretamente na Avenida de Cádiz, mentres que os días 20 e 21 estará operativo na Praza das Conchiñas. Os días 24, 25 e 26 estará habilitado na zona de Novos Ministerios, mentres que o 27 e 28 de xaneiro colocarase na Gaiteira, á altura do número 31. A súa última ubicación dentro da cidade este mes estará en Vioño, o día 31 de xaneiro.
En horario de 09.00 horas a 14.15 horas, as persoas que o desexen poderán empregar este servizo para depositar pequenas cantidades de certos residuos do fogar que non teñen cabida nos contedores das rúas, tales como aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, pilas CD, cristal, lámpadas e fluorescentes, pinturas de vernices, radiografías ou tóner, así como roupa, zapatos, xoguetes e pequenos electrodomésticos (televisores, microondas e computadoras). O vehículo conta cun operario para poder axudar á cidadanía a depositar cada residuo no contedor correspondente. A Concellería destaca que este servizo facilita a xestión de residuos e promove a reciclaxe a través da recollida selectiva.











