O programa Reforma 16 facilitou melloras en baños e cociñas de máis de 4.200 fogares
A Xunta de Galicia facilitou durante o pasado ano obras de mellora en cociñas e baños de máis de 4.200 fogares galegos ao abeiro do programa Reforma 16. Segundo salientou o director do Igape, Juan Cividanes, logo dun encontro con directivos da Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco), o programa mobilizou así arredor de 30 millóns de euros en investimentos.
A última edición do plan impulsado polo Goberno galego, desenvolvido coa colaboración de Asemaco e das empresas de materiais de construción adheridas, concedeu axudas que suman preto de 3 millóns de euros para apoiar ás familias no acondicionamento e modernización destes espazos estimulando a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos do sector da construción.
Ao abeiro deste programa destinado a impulsar a actividade económica no sector, a axuda da Xunta cubriu o 20% dos investimentos aprobados –materiais e mobiliario de cociña e baño, agás electrodomésticos–, con límite entre 200 e 1.000€ por persoa e domicilio particular. A entidade colaboradora realizou, no marco do Reforma 16, un desconto equivalente ao do IGAPE, polo que a rebaixa global para as familias foi de arredor do 40%.
O director salientou os resultados acadados por este programa, baseado na cooperación con Asemaco e no compromiso dos establecementos adheridos. A tramitación das solicitudes de axuda realizouse nos 387 establecementos adheridos, e foron resoltas pola Xunta por vía telemática en poucos días.
O Programa Reforma facilitou nos dous últimos anos obras de modernización en máis de 7.000 fogares galegos mobilizando arredor de 50 millóns de euros mediante a dinamización da demanda interna.











