O primeiro partido do ano cita en Peñíscola ao Santiago Futsal

Ó Santiago Futsal tócalle estrear o ano como visitante na difícil pista do Peñíscola RehabMedic (Sábado 18h), na cita correspondente á penúltima xornada da primeira volta da LNFS. Os santiagueses, xa sen posibilidades de clasificarse para a Copa de España, queren asegurar canto antes a súa permanencia na Primeira División, e para iso, saben da importancia de lograr o máximo de puntos posibles nestas tres xornadas consecutivas que se celebrarán cunha marxe dunha semana.

Os de Santiago, situados na duodécima praza, cunha diferenza de oito puntos sobre os postos de descenso, abrirán o ano ante o sexto clasificado, un Peñíscola RehabMedic que, a falta de dúas xornadas para rematar a primeira volta, aínda non asegurou a súa participación na Copa de España “Peñíscola RehabMedic é un dos equipos máis en forma da liga. Teñen moita intensidade a nivel defensivo, cunha defensa presionante asfixiante, con xogo de 4, xogo de pivote… Ademais, os resultados acompáñanlles e están nunha dinámica positiva” comentou Santi Valladares en rolda de prensa.

Así mesmo, o técnico santiagués destacou que o encontro do sábado será un partido moi competido e disputado, nunha pista na que os brancos cultivaron dous empates e unha vitoria nos seus tres visitas anteriores “Nós imos a Peñíscola a afrontar este encontro como os das dúas última tempadas; nas que gañamos un partido e puntuamos noutro, sacando bos resultados e mesmo sabendo que podemos gañarlles perfectamente”.

Das remontadas santiaguesas con porteiro-xogador nos últimos partidos do Santiago Futsal que salvaron un empate e unha vitoria ‘in extremis’ o míster analizou “Certo é que facemos cousas mal, evidentemente; porque poñerse cun marcador en contra de 0-3 é para facer autocrítica. Pero tamén é certo que facemos cousas ben: ter fe, sacrificio, traballo, confianza uns noutros e crer que ata o último segundo todo vale”. Valladares tamén apuntou sobre o xogo de cinco que tan bos resultados está a deixar no Fontes do Sar que “é unha situación que manexamos ben, tanto en defensa como en ataque, porque o traballamos moi ben nos adestramentos e o que se transmite nos adestramentos é o que despois se ve en xogo real”.

Ademais, o técnico branco, apuntou que a importancia dos dous vindeiro encontros na casa (martes reciben a P.R. Cartaxena e venres a Jumilla FS) é vital para os santiagueses “Os dous vindeiros partidos no Multiusos son determinantes, contra rivais que están como nós pelexando na zona baixa da táboa. Non adoitamos pensar a longo prazo, pero é convinte que nesta situación xa que o feito de puntuar neses dous partidos pódenos dar moita tranquilidade para o que queda de competición”.

Pola súa banda, o porteiro talaverano Víctor López falou da relevancia que ten para o plantel sumar os máximos puntos posibles nesta semana “Temos partidos determinantes con tres encontros decisivos en apenas 6 días. O noso obxectivo é sacar todos os puntos posibles. Imos a Peñíscola a pola vitoria, non imos ver o que pasa. Todo o que nos traiamos que sexa positivo será bo para encarar os dous partidos en casa da próxima semana”.

Do rival do sábado, o gardameta apuntou que “teñen un equipo moi amplo, guerreiro e agresivao en defensa. É un dos equipos máis competitivos da liga xuntos a nós”.

Os precedentes do Santiago Futsal nas súas visitas á cidade valenciana amosan un balance claramente favorable aos galegos, que conseguiron dous empates 4-4 15/16, 1-1 13/14 e unha vitoria 3-5 14/15.

A expedición santiaguesa viaxará esta noite cos doce xogadores dispoñibles do primeiro equipo, xa que conta coa baixa de longa duración de David Palmas; e a de Dani Montes, que segue co seu proceso de recuperación da escordadura de nocello que sufriu ante Magna Gurpea.

Outra información

O partido poderase seguir a través do perfil oficial do Santiago Futsal en twitter.

5 de xaneiro de 2017 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.