publicidade hoxe

O Pleno de Ordes aproba medidas contra os cortes da subministración eléctrica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

O primeiro pleno municipal do ano presentou unha nova composición da corporación ao abandonar o Goberno e pasar ao grupo dos non adscritos os concelleiros de Deportes e de Obras e Infraestruturas, Luis Caamaño Fraga e Beatriz Martínez Candal respectivamente.

Todas e cada unha das mocións presentadas foron aprobadas de maneira unánime. O PSOE instou á implantación dun sistema de radioloxía dixital no centro de saúde de Ordes. Unha demanda “xa incluída no programa electoral do actual Goberno Local” segundo informou o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo.

Pola súa banda os nacionalistas solicitaron un rexistro das interrupcións na subministración eléctrica no municipio por parte de Gas Natural Fenosa, os índices de calidade da súa continuidade, así como as actuacións que se van acometer para evitar os cortes de luz.

Seguindo co mercado eléctrico, e cunha xestión “iniciada xa hai algún tempo polo Concello” tal e como puntualizou o rexedor, o BNG tamén demandou a imposición dunha taxa pola utilización do dominio público por parte das empresas encargadas do transporte enerxético. Este beneficio económico para as arcas municipais agardan que supoña unha baixada nos impostos municipais. Neste punto aprobouse a emenda dos socialistas que amplía o gravame aos operadores de telefonía móbil e a súa repercusión económica en prol dos servizos sociais.

26 de xaneiro de 2017 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.