O Pleno da Coruña aproba tres mocións en defensa da titularidade pública dos terreos da Solana
A Corporación coruñesa aprobou este luns en sesión plenaria tres mocións impulsadas polo grupo de Goberno, o PSOE e o BNG a prol da titularidade pública dos terreos da Solana e en contra da poxa proxectada pola Autoridade Portuaria para allear este terreo –así como outros, como os peiraos de Calvo Sotelo e Batería–, como fórmula para diminuír a súa débeda millonaria. No caso da iniciativa presentada polo grupo de Goberno, e apoiada na sesión polo BNG, con abstención do PSOE e votos contrarios do PP, nela chámase ao Ministerio de Fomento e a Portos do Estado a revisar de oficio e deixar sen efecto o acordo polo que o pasado 22 de decembro, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria daba adiante á poxa da Solana e o hotel Finisterre e para que, pola contra, se acepte a solicitude de adxudicación directa da parcela da Solana presentada polo Concello da Coruña, co obxecto de recuperar este espazo para a cidade. Do mesmo xeito, a moción reclama a apertura dun expediente de investigación e fiscalización da xestión da presidencia da Autoridade Portuaria por parte do Goberno central, ao que se insta a exercer, no caso de que proceda, as medidas legais que correspondan nos distintos ámbitos –administrativo ou xurisdiccional– en relación coas negociacións e posterior acordo desenvolvidos por esta no período no que estaba en suspenso o procedemento de alleamento dos terreos da Solana, en virtude dun acordo adoptado polo propio Consello de Administración portuario (o 30 de xuño do ano pasado) de forma unánime para dar tempo ao Concello a formalizar a súa solicitude para a adxudicación directa, e, en xeral, en relación coa súa xestión economico-financeira. “A mala xestión económica e a deslealdade institucional do presidente da Autoridade Portuaria, que obrou de forma opaca e desleal, lévanos tamén a pedir o seu cese, pola súa actitude en contra do interese público da cidade da Coruña”, sinalou durante a súa exposición o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, quen lamentou as “evidencias, explicitadas polo propio presidente do Porto, de que o que se quere é facer negocio, atendendo exclusivamente ao interese económico”. “A mala xestión non pode amparar este tipo de operacións especulativas”, subliñou, salientando que “o debate está máis vivo que nunca e desde este Concello traballaremos sen descanso para devolver os bens comúns ao seu lexítimo propietario, que é a cidadanía da Coruña”. Nese sentido, a moción esixe ademais a Fomento que, en caso de proceder á desafectación dos terreos dos peiraos interiores (Batería e Calvo Sotelo), estes sexan cedidos gratuitamente ao Concello, no canto de procederse á privatización de solo público.
Na mesma liña van dirixidas as mocións do PSOE e o BNG, a primeira das cales saíu adiante cos votos favorables do grupo de Goberno, a abstención do BNG e o voto contrario do PP. A iniciativa socialista chama, igualmente, a paralizar a poxa dos terreos da Solana e o hotel Finisterre e urxe á Autoridade Portuaria a negociar co Concello, de cara a manter a titularidade pública deste espazos. Ao mesmo tempo, reclama ao Goberno da Xunta que defenda os dereitos da cidadanía coruñesa neste ámbito e urxe a que o Ministerio de Fomento e Portos do Estado estuden fórmulas de apoio e de rescate da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña para evitar a poxa como fórmula para enfrontar as débedas do ente.Na súa moción, o PSOE recorda tamén a necesidade de concretar novos termos dos convenios asinados no ano 2004 entre o Concello, a Xunta e o Goberno estatal sobre a reordenación dos terreos portuarios da cidade, e reclama que se convoque a comisión de seguimento que avalíe estes acordos, así como a busca de novas fórmulas de financiamento do porto exterior.
O BNG, pola súa banda, trasladou ao Pleno unha moción a proposta da plataforma en Defensa do Común, que recibiu o respaldo do grupo de Goberno, con abstención das e dos concelleiros socialistas e o voto negativo do grupo popular. O documento denuncia a “política especulativa” da Autoridade Portuaria, “que a través de poxas pretende que espazos que sempre foron públicos pasen a mans privadas”, e esixe a devolución gratuíta da Solana e o Finisterre á cidade, unha vez remate a súa concesión, no ano 2027. Tamén esta iniciativa reclama da Xunta un pronunciamento público en defensa dos intereses da cidade e chama ao Pleno a apoiar as iniciativas do Goberno municipal na presentación dos recursos xurídicos necesarios “para impedir esta actuación especulativa da Autoridade Portuaria”. “O Concello debe poñerse á fronte da mobilización e defender o que sempre foi da Coruña, que debe quedar na Coruña e beneficiar aos seus cidadáns e cidadás”, considerou a voceira nacionalista, Avia Veira, quen censurou que a venda de espazos como o da Solana vaia dirixida a resolver unha débeda –a derivada do financiamento da obra do porto exterior– “viciada de orixe, xa que a obra ten que financiarse mediante os Orzamentos Xerais do Estado, como se ten financiado noutras partes do Estado”.
Ordenanza da ORA
Por outra banda, o Pleno municipal rexeitou este luns a aprobación definitiva do novo texto da ordenanza reguladora do servizo público de ordenación e regulación do aparcadoiro, a ORA, que foi apoiado polo grupo de Goberno e recibiu os votos contrarios dos e das concelleiras do PP e o PSOE, ademais da abstención do BNG, despois de que todos os grupos se abstiveran na comisión informativa celebrada a semana pasada. Para o concelleiro responsable desta área, Daniel Díaz Grandío, a normativa tombada hoxe está chamada a ter “un papel transcendental no necesario cambio de modelo de mobilidade con implicacións na cidade, e tamén na Área Metropolitana, por medio de políticas que protexan o espazo público e que o poñan en valor, xunto coa aposta por un transporte público que dea resposta aos principais requirimentos da cidadanía”.
Nese sentido, salientou algunha das novidades que se terían incorporado, como a posibilidade de retirar os avisos de denuncia por estacionamento sen autorización ou por exceso do tempo permitido, a través do pago dunha tarifa de entre os 1,5 e os 6 euros. Como tamén salientou o concelleiro de Mobilidade Sostible, o texto chegou este luns a Pleno despois da incorporación de ata nove alegacións do resto de grupos municipais e a estimación parcial doutras sete; entre as novidades incluídas neste trámite de alegacións, indicou Grandío, cóntase a desaparición do chamado ‘párking exprés’ ou a posibilidade que se abría para que as persoas con discapacidade titulares de tarxeta que habilita o estacionamento en prazas especiais, residentes no termo municipal, poidan estacionar de xeito gratuíto en espazos de uso xeral durante un máximo de dúas horas ao día, en estimación de propostas formuladas polo BNG e o PSOE. Este último grupo pediu, antes da votación do asunto, a súa retirada, petición á que se sumou o PP despois de censurar que o texto que se sometía a debate non especifique o destino dos ingresos adicionais que se deriven das tarifas de anulación das denuncias. Pola súa banda, o BNG defendeu o seu voto ao considerar prioritario darlle á xente a posibilidade de anular as denuncias, pese a botar en falta unha reforma “máis profunda”.
Si saíu adiante na sesión plenaria a modificación da ordenanza fiscal número 21, que establece a taxa que rexe o estacionamento de vehículos de tracción mecánica na vía pública, cos votos en contra do grupo popular e a abstención do BNG e o PSOE.
Outras mocións
Por outra banda, os grupos da Corporación apoiaron este luns de forma unánime a moción presentada polo BNG para esixir a reapertura da causa xudicial sobre o asasinato de Francisco Javier Romero Taboada, ‘Jimmy’, en novembro de 2014, durante o “brutal ataque” que sufriron os afeccionados deportivistas na contorna do estadio Vicente Calderón durante a viaxe a Madrid para asistir ao partido entre o Deportivo e o Atlético de Madrid. A este respecto, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, advertiu da “manifesta gravidade do caso, que foi prolongándose in crecendo nos últimos dous anos de xeito humillante e que recibiu ninguneos varios”, e reafirmou o apoio do Goberno local á familia do falecido e a colaboración do Concello ás iniciativas da plataforma de apoio a ‘Jimmy’. “Apoiaremos toda acción polo esclarecemento da verdade; esperemos que este caso sexa o último desta terrible historia”, manifestou o responsable municipal, que convidou tamén a reflexionar tamén sobre “o papel da ultradereita no Estado español”. Neste sentido, a moción aprobada censura o arquivo do expediente xudicial, criticando a “impunidade da que gozan a extrema dereita e os grupos neonazis no Estado español”, e reclama, ademais da reapertura da causa, o “máximo esforzo e implicación” das instancias xudiciais para rematar “coa impunidade que existe arredor deste caso”.
A maiores, a Corporación deu o visto bo, cos votos do PP e o PSOE, a unha moción sobre a rexeneración dos asentamentos precarios impulsada polo PSOE, que igualmente presentou unha iniciativa dirixida a que o Goberno central a permitir que as entidades locais reinvistan o seu superávit sen necesidade de xerar ingresos polo mesmo importe. Neste caso, a proposta saíu adiante co voto favorable do grupo de Goberno –e abstención de PP e BNG, tras rexeitarse unha emenda deste último grupo–, “ao haber coincidencia co fondo da cuestión, se ben desde o Goberno local cremos que é necesario avanzar un pouco máis; é necesario modificar a lexislación de estabilidade orzamentaria”, sinalou a concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito.
Tamén saíu adiante, cos votos favorables do grupo socialista e abstención do BNG e o grupo de Goberno, unha iniciativa presentada polo PP e dirixida a potenciar a colaboración entre os Museos Científicos coruñeses coa Xunta, de cara a poñer en valor o patrimonio científico e cultural da cidade. “Ese camiño xa estaba iniciado antes da moción”, expuxo o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, quen aludiu á colaboración con institucións co Muncyt e outras institucións, e os contactos que o Concello mantén coa Xunta para establecer unha colaboración de divulgación e aumento de coñecemento do persoal técnico a través da Sala Maker da Domus.
Os populares promovían outra iniciativa, que saír rexeitada co voto contrario do Goberno local e a abstención do resto de grupos, de cara á construción do centro de saúde “en condicións” en Santa Lucía, na que reclamaban a paralización da licitación do contrato para a redacción do proxecto básico e de execución da rehabilitación do mercado. “De ningunha maneira podíamos permitirnos o bloqueo por máis tempo. O barrio da Falperra pode estar tranquilo, porque terá un equipamento público; está na man do Sergas decidir cal será, pero o que pretende o Goberno local é que teña o equipamento que o barrio merece”, incidiu o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, quen recordou as últimas reunións mantidas coas asociacións da zona, e quen se puxo a disposición da veciñanza e o comercio do barrio para novos encontros. Tamén, o concelleiro lembrou os atrancos que atopou o Goberno local para avanzar no proxecto do centro de saúde de Santa Lucía. “É o Sergas o que está impedindo que o proxecto de rehabilitación e o centro de saúde vaian adiante, por iso decidimos darlle unha alternativa, aínda que a posición do Goberno local segue a ser a ubicación de Santa Lucía”, recalcou.











