publicidade hoxe

O Plan Concellos destinaralle preto de 400.000 euros a Fornelos de Montes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFornelos de MontesPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra achegaralle ao Concello de Fornelos de Montes neste ano 2017 máis de 379.115 € no marco do Plan Concellos. Deste xeito, Fornelos recibe un 5.228 € máis que en 2016, o que se traduce nun 1,4 % máis, e que se suma a un incremento de 63.902,33 € e un 20,6% máis respecto ao recibido en 2015. Á marxe do Plan Concellos, Fornelos recibirá en 2017 outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Ao longo do ano 2016 a Deputación de Pontevedra investiu en Fornelos de Montes un total de 740.951 €, o que significa unha media de 390 € por habitante. En liñas xerais, desta contía 373.888 € correspondéronse co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 77.773 € en mobilidade, 21.062 € en cohesión social e xuventude, 20.046 € para emprego, 12.547,19 € en cultura e lingua, 2.801 € en deportes e 8.668 € para igualdade.

En concreto, Fornelos de Montes investiu 207.888,45 € da liña 1 do Plan Concellos no centro cultural Pardalongas, na instalación e renovación da iluminación pública, na adquisición dun camión con guindastre, na mellora de infraestruturas en Ventín, Freaza e Fornelos, e no ensanche e pavimentación de camiños en San Vicente e Fornelos. Tamén destinou, a través da liña 2, 38.773,16 € a gasto corrente novo; 12.542,12 €, a través da liña 3, a actividades coma o XVII Festival de Música Folk, a Festa da Espuma, o Festival Presenza e Son e o IV Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey. Ademais, o investimento de 75.252,70 € na liña 4 permitiu a contratación de 14 peóns para desempeñar tarefas no Concello de Fornelos.Tamén en materia de cooperación, Fornelos recibiu por parte da Deputación de Pontevedra un préstamo sen xuros de preto de 50.000 € e, a través do Plan PICEI 2016, un investimento de 145.000 € que se destinarán á reforma do pavillón municipal da localidade.

No caso do fomento da cultura e lingua, o Concello recibiu 12.547,19 € para a organización de 23 actuacións do Pontegal, así como o impulso da rehabilitación do vestíbulo de acceso e a fachada do cemiterio de San Lourenzo, no marco das achegas dirixidas á rehabilitación e sinalización do patrimonio cultural.

Tamén se destinaron 21.061,93 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, da axuda básica de emerxencia ou da teleasistencia domiciliaria (da que se benefician catro persoas), ben mediante os programas “Depotermal” (do que gozaron 34 persoas), “Tecendo lazos”, “En ruta coa Depo”, “Depo en marcha” ou “Depo Aventura A Lanzada”, no que participaron nenos e nenas do concello.

Así mesmo, Fornelos de Montes recibiu 2.801 € para tres clubs de deporte federado de base e para a DEPOrte Escola de fútbol, así como 20.045,76 € para o fomento do emprego a través do Plan de práctica laboral, que está a permitir que dúas persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral no Concello de Fornelos. Tamén se achegaron 8.668,05 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, ben a través do programa “Conectadas 2016”, a través do cal se organizaron tres cursos, ben a través da liña de axudas para o impulso da igualdade e a prevención da violencia de xénero. Ademais, a institución provincial achegou 77.773,37 € en materia de mobilidade, en concreto para obras de sinalización horizontal nas vías provinciais e para o Plan Móvese.

2 de xaneiro de 2017 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.