O Pazo de María Pita acolle a exposición ‘Coruña, catro temas’, do fotógrafo Francisco Pillado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participará esta tarde, ás 20.00 horas na Sala de Exposicións do Pazo de María Pita, no acto inaugural da mostra Coruña, catro temas , do fotógrafo Francisco Pillado. A exhibición, articulada en catro eixes temáticos, ofrece unha descrición da Coruña de mediados do século XX a través de imaxes da cidade e dos seus arcos, do porto e da veciñanza.

Aínda que Francisco Pillado González (A Coruña, 1892-1977) non se dedicou profesionalmente á fotografía, demostrou un grande interese pola mesma ao longo da súa vida, unha paixón que lle permitiu atesourar un arquivo de indubidable valor artístico e documental e que a familia do autor sacou á luz recentemente. Entre os miles de negativos que perduran de Pillado, o fotógrafo José Caruncho realizou unha escolma de máis de 80 imaxes que, desde hoxe, pendura das paredes da sala de exposicións do pazo municipal.

Coruña, catro temas poderá visitarse en María Pita ata o 5 de marzo, de luns a domingo, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas.

18 de xaneiro de 2017 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.