O Pazo de Liñares estrea aparcadoiro
O Concello de Lalín vén de finalizar as obras de construción dun aparcadoiro integrado no entorno paisaxístico do Pazo de Liñares, que quedará operativo definitivamente dende este mesmo venres, tal e como anunciou o concelleiro de Turismo e Obras, Francisco Vilariño. Este novo espazo cubrirá as carencias de estacionamento que presentaba este edificio declarado Ben de Interese Cultural(BIC) no ano 2009 e que funciona como un dos principais reclamos turísticos do municipio. O terreo acondicionado abarca unha superficie de 5.280 metros cadrados, polo que dará cabida comodamente a unha gran cantidade de vehículos, incluíndo unha área propia para o estacionamento de autocares. As obras desta infraestrutura foran comenzadas por un obradoiro de emprego na etapa do anterior goberno, pero a mala planificación do mesmo e o seu pouco tempo de duración non permitiron a execución completa dos traballos. Porén o Concello fíxose cargo a través dun novo proxecto das tarefas pendentes (un 75% estaba sen executar) para deixar o aparcadoiro operativo, garantindo, ao mesmo tempo, a súa integración paisaxística co entorno do Pazo de Liñares.
O novo proxecto roldou os 55 mil euros e serviu para executar diversas obras sobre o terreo, como limpezas e desbroces, así como desmontes en terra da explanada, recheos, extendidos e compactacións, para que a superficie quedase en perfectas condicións. Paralelamente realizáronse tarefas de drenaxe e saneamento, coa instalación de colectores e arquetas de sumidoiro. En canto a pavimentos e muros, colocáronse rigolas a base de lousas de granito moreno e dotouse a superficie dun pavimento terrizo peonil de zahorra cor area, con humectación e compactación. Así mesmo, deuse remate aos muros perimetrais compostos por mampostería granítica. O espazo contempla a definición de camiños de acceso ao pazo para a comodidade dos visitantes, ademais da súa ornamentación con árbores como árbutos, enebros e coníferas que serven para alcanzar unha completa integración paisaxística da infraestrutura nun ambiente tan singular como o do Pazo de Liñares.
O concelleiro de Obras e Turismo, Francisco Vilariño, supervisou a finalización da infraestrutura xunto co alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso. O edil fixo fincapé na importancia desta actuación “coa que se consegue, dalgunha maneira, completar o conxunto do Pazo de Liñares, un edificio” -apunta- “que consideramos unha auténtica xoia e un dos maiores atractivos para os visitantes, de aí o noso compromiso coa execución duns traballos que tiveron moita complexidade”. “A nosa aposta por Liñares é firme” -continúa- “e sen dúbida esta nova área de estacionamento reforzará moito as prestacións dun edificio que seguiremos dotando de contido con novas iniciativas que iremos anunciando proximamente”, finalizou.