O nivel do río Lérez garante o suministro de auga potábel aos veciños da ría
A Concellaría do Ciclo da Auga quixo lanzar hoxe unha mensaxe de tranquilidade á poboación de Pontevedra ante a seca que se está a vivir. O concelleiro delegado do Ciclo da Auga, Raimundo González explicou que o río Lérez ten “capacidade suficiente para garantir o abastecemento da poboación”.
Na actualidade o río ten un nivel medio de auga de 2,59 metros (a 12 de xaneiro) e un caudal medio de 6,98 metros cúbicos/segundo.
O único que pode resultar un pouco máis “chocante” nestas datas é que o Pontillón se atope ao 67% da súa capacidade (habitualmente soe estar ao 100%). Esta situación non se debe á seca nin a que o Concello estea usando o encoro; debeuse a que se fixeron unhas ramplas de acceso ao vaso da presa para mellorar a práctica do piragüismo, e foi preciso ese desaugue para poder construílas.
Raimundo González explicou que “o subministro está garantido” a pesar do inverno seco. “Seguiremos analizando continuamente a situación, que está controlada”, asegurou e instou ás familias a facer un consumo responsábel da auga “que hai que recomendar sempre, non só cando hai seca, porque a auga é un ben escaso e é bo que se controle o seu consumo”