publicidade hoxe

O Grove continúa “castigado” por Portos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

O Concello do Grove ven de solicitar unha reunión urxente co Presidente de Portos para abordar o relativo aos cobros das taxas portuarias polo uso da Praza do Corgo. Lembramos que agora mesmo ten solicitado máis de 18.000 euros pola Festa do Marisco e 1.200 pola Festa do Carme (neste último caso a factura reduciuse logo de que o Concello realizar unha protesta polos 12.000 iniciais que figuraban na taxa portuaria, alegándose un erro na mesma).

Dende o Concello do Grove reitérase a necesidade de que a entidade portuaria reverta os terreos que xa non teñen uso portuario ao municipio ou, cando menos, se faga cargo do seu mantemento. As arcas municipais asumen os custos da limpeza, mantemento e iluminación desta zona e incluso pagan as indemnizacións no caso de problemas neste espazo. A cambio o ente de Portos recada as taxas por terrazas (catro veces superiores ás do resto do municipio) e por todas as actividades que o municipio organiza neste espazo.

Resulta verdadeiramente preocupante o relativo a este tema pero tamén a ausencia de diálogo no referido á clara necesidade do Porto Deportivo para O Grove. Nin sequera medidas como a creación dun pantalán de embarcacións tradicionais foi inda posta en marcha o que deixa ver unha total deixadez para o pobo e os veciños do Grove. Deste xeito resulta ridículo publicar datos sobre o positivo do turismo naútico nas Rías Baixas cando un dos principais motores do turismo desta zona segue desatendido por parte da entidade portuaria. 

5 de xaneiro de 2017 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.