publicidade hoxe

O Grove consensúa un calendario anual de apertura cos vendedores e vendedoras da Praza de Abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

O Concello do Grove aprobará oficialmente a vindeira semana o calendario anual de apertura da Praza de Abastos. Trátase da primeira vez que se conta con este plan de actividade e pretende dar resposta aos problemas que xurdían no relativo a apertura ou peche en datas festivas, que xeralmente era decidido uns días antes dos mesmos.

Logo dun amplo debate ao respecto, os vendedores e vendedoras presentes na reunión celebrada na tarde de onte na Sala das Cunchas acordaron o peche en todos os festivos agás o Xoves e Venres Santo (13 e 14 de abril) o 15 de agosto e o 8 de decembro. Deste xeito a Praza de Abastos permanecerá pechada nos festivos oficiais locais, autonómicos e nacionais (1 de marzo, 1 e 17 de maio, 17 e 25 de xullo, 12 de outubro, 1 de novembro e 6 e 25 de decembro).

Unha vez aprobado o calendario será divulgado para que os usuarios e usuarias do mercado poidan coñecer con antelación as aperturas e peches previstos. Posteriormente, en relación a este mesmo calendario, tamén se informará aos postos do Mercado semanal das previsións de actividade para o 2017. Segundo as estimacións municipais – pendentes de consenso cos concesionarios dos postos – o Mercado poderá celebrarse todos os venres do 2017 sendo preciso o cambio de ubicación tan só dous días (coincidindo coa Festa do Marisco).

No relativo ás subvencións acadadas durante 2016 para o mercado, tamén se informou da posta en marcha dunha acción complementaria ao relativo a mellora da imaxe coa colocación de dez grandes paneis na zona superior do edificio con imaxes antigas relacionadas coa actividade do mercado e extraídas dos arquivos municipais. 

Espazos de emprendemento

Durante a reunión de onte tamén se informou pormenorizadamente das bases previstas para a adxudicación dos Espazos de Emprendemento e que se deberán aprobar nos vindeiros días. Logo de informar aos vendedores e vendedoras que xa exercen a súa actividade nese mesmo espacio, farase o mesmo coa Mesa Local de Comercio e os grupos da oposición. Os seis novos Espazos de Emprendemento pretende servir para poñer en marcha novas iniciativas comerciais que aporten unha saída laboral de interese ao tempo que buscan contribuír á dinamización do Mercado Municipal. 

17 de xaneiro de 2017 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.