O Goberno Municipal de Ourense está a traballar para garantir coa Consellería de Política Social a mellor solución para o CAPD
Esta mañá desenvolveuse unha xunta de portavoces cun único punto na orde do día onde, segundo explicou o alcalde ao término da mesma, a única preocupación dos grupos políticos “era saber se Jesús Vázquez Abad acudiría á manifestación convocada pola Plataforma pro-CAPD ou non. Proba da politización deste asunto é que a ningún grupo político lle interesou coñecer qué pasos se estaban a dar e sobre que puntos estamos a traballar desde o goberno municipal para acadar o centro de atención para persoas con discapacidade”. Así resumiu o alcalde de Ourense a xunta de portavoces desta mañá, manifestando que o Goberno Municipal leva semanas traballando intensamente para acadar a mellor solución para o CAPD , “e hai unha total predisposición por parte do conselleiro de Política Social, quen está disposto a recoller o guante das familias e traballar”.
“O máis importante é darlle o mellor servizo aos rapaces e ás súas familias. O Concello está para traballar e para esixirlle á Consellería a mellor solución”, sinalou o rexedor ourensán, recalcando que, sobre todo, “o fundamental é manter o diálogo. E por eso é necesario que se retome para que ambas partes se escoiten”.
O alcalde manifestou que o apoio do goberno municipal ás familias é inequívoco, anunciando que a moción que se debatirá no vindeiro pleno será apoiada sen fisuras polo grupo de goberno. “Pero neste momento se trata de buscar un diálogo, e ás veces as manifestacións non favorecen precisamente o diálogo, aparte do que supón o respecto institucional”. Asemade, lembrou que existía un plantexamento inicial no que había acordo de ambas partes, con informes técnicos e planos do proxecto.
Con anterioridade á xunta de portavoces desta mañá, celebrouse tamén, como cada xoves, a xunta de goberno local, onde se abordaron un total de 27 puntos da orde do día. Dez destes asuntos estiveron referidos a cuestións de avogacía consistorial.
O primeiro asunto é unha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº1 de Ourense polo que desestima un recurso presentado por unha entidade contra un acordo de XGL de 9 de abril de 2015 polo que de lle desestimaba unha pretensión indemnizatoria por danos no seu local debido a unhas obras na rúa Vasco Díaz Tanco. A empresa reclamaba unha indemnización de 5.400 euros. A sentenza, contra a que cabe recurso, dá a razón á resolución do Concello.
Os seis asuntos seguintes son emprazamentos do Concello para comparecer en calidade de demandado perante os Xulgados Contencioso Administrativo nº1 e 2 por danos (filtracións de auga na rúa Cervantes, danos en vehículo pola caída dunha árbore en San Francisco, unha caída na avenida das Caldas, unha liquidación de plusvalía e un galpón……).
Outro persoamento, pero esta vez ante o Xulgado do Social nº3 de Ourense, nun pleito en materia de Recursos Humanos. Trátase do recurso interposto por un traballador deste Concello, que foi declarado indefinido non fixo por sentenza xudicial. Agora, neste procedemento solicita tamén que se lle recoñeza o dereito a cobrar trienios e antigüidade.
Os últimos asuntos deste apartado son 3 sentencias:
Por unha banda, a ditada polo Xulgado do Social nº2 de Ourense, declara persoal laboral indefinido ao demandante nun asunto de Persoal, coa categoría de Arquitecto Técnico Municipal con antigüidade desde o 23 de xuño de 2009.
A segunda sentencia, ditada polo Xulgado Contencioso-Administrativo nº1 de Ourense desestima o recurso de reposición dun traballador contra o decreto de nomeamento dos candidatos finalmente seleccionados na promoción interna de oito prazas de cabo do Servizo de Extinción de Incendios.
A última sentencia, ditada tamén polo Xulgado Contencioso-Administrativo nº1 de Ourense, estima en parte o recurso interposto por unha sociedade cooperativa de vivendas unifamiliares, na que se lle reclamara o cobro de débedas polo IBI entre 2001 e 2012. A sentenza revoca as dilixencias de embargo impugnadas e declarando a prescrición da débeda tributaria entre 2009 e 2010, desestimando o recurso no resto de exercicios.
En Licencias, concedéronse 4: 2 para rehabilitacións de vivendas (1 delas mediante unha prórroga para finalizar as obras), 1 para instalación dun ascensor e outra para a demolición dun edificio.
No apartado de Disciplina Urbanística, abordáronse seis asuntos: 3 deles foi para incoar expedientes sancionadores por colocación ilegal de carteis en fachadas, e os outros tres para impor multas por este concepto (de 150 euros en dous casos e 50 euros noutro).
En materia de Infraestruturas, iniciouse o expediente dun proxecto para asegurar a estabilidade nun talud en Río Arnoia e incoar expediente para que Adif asuma as obras.
Do Servizo de Contratación aprobáronse 3 asuntos:
Por unha banda, deuse conta de dúas resolucións do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuales. A primeira delas é relativa ao recurso de reposición interposto por unha empresa (UTE Sierra Martiñá SL – Troncoso Casares SL) contra o acordo de adxudicación do contrato do Servizo de Axuda a Domicilio. O devandito Tribunal Administrativo rexeitou dito recurso.
A segunda resolución acorda suspender cautelarmente o procedemento de contratación do Servizo de mantemento e mellora das zonas verdes de Ourense, despois de que unha empresa (Valoriza Servicios Medioambientales SA) interpuxera recurso contra a súa exclusión no devandito procedemento.
O terceiro asunto deste apartado é unha corrección de erros na redacción do prego administrativo para contratar o servizo de limpeza de centros educativos. No que respecta á Concellería de Comercio, aprobouse iniciar o expediente de resolución da concesión da explotación da terraza da sur do edificio Torre
Relativo á Concellería de Cultura, foi aprobado o texto do convenio entre o Concello de Ourense a a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) sobre a realización da programación das actuacións culturais incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios para o primeiro semestre de 2017. Está dotado dun importe de 30.371 euros.
Por último, a instancias da Concellería de Medio Ambiente, aprobáronse as bases para regular o procedemento de outorgamento de autorizacións de uso de hortos municipais que se atopan actualmente dispoñibles no Parque de Montealegre e Mariñamansa.
O uso dos hortos municipais é unha iniciativa coa que o Concello pretende fomentar accións que repercutan no benestar das persoas, proporcionando unha ocupación saudable do seu tempo de lecer, ao tempo que a mellora da sanidade alimentaria e a protección e coidado do medio ambiente.
Na actualidade, un total de 33 veciños e veciñas da cidade utilizan os hortos municipais de Montealegre e Mariñamansa.
Foron os adxudicatarios do seu uso a través dun procedemento aberto que se desenvolveu desde o verán pasado, cando se realizou unha convocatoria e abriu o prazo de presentación de solicitudes, e rematou o día 21 de novembro cun sorteo público, no que se adxudicaron os hortos, por un prazo de 2 anos.
Os hortos que quedaron vacantes entran nesta nova convocatoria, que inclúe un total de 36 hortos:
– 7 en Mariñamansa, dos que 2 están reservados para persoas con mobilidade reducida
– 29 en Montealegre, dos que 5 están reservados para persoas con mobilidade reducida.
Unha vez se publique no Boletín Oficial da Provincia, haberá un prazo de 20 días naturais para a presentación de solicitudes.











