O goberno local de Vilagarcía lamenta a falta de propostas de Somos para incluír nos orzamentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O goberno local abriu hoxe a rolda individualizada de encontros cos grupos da oposición para negociar os orzamentos municipais de 2017. A primeira xuntanza foi co voceiro de Somos, Gaspar Somoza, que non fixo ningunha proposta e limitouse a recoller a documentación facilitada polo executivo socialista para complementar á que xa tiñan todos os grupos dende o pasado mes de novembro. Moi diferente foi a segunda reunión, a mantida co BNG, na que goberno e nacionalistas seguiron traballando as propostas dos últimos para tratar de achegar posturas de cara a súa inclusión nos orzamentos.

O goberno local lamentou profundamente que Somos Maioría acudira ao encontro sen ningunha proposta, e non só pola imposibilidade de negociar por non ter con que facelo, senón tamén porque con esta actitude o grupo da oposición deixa sen voz aos veciños que lle votaron. Somoza tratou de xustificar esta actitude en que os orzamentos non se estaban a elaborar de xeito participativo, o que “chama notablemente a atención cando se lle está dando a opción de participar neles e sistematicamente renuncia a facelo”. Tampouco se entende “que Somoza rexeite os principios de representatividade no que se sustenta o noso sistema democrático, no que os veciños participan por delegación nos políticos que eles elixen. É dicir, os votantes de Somos deberían participar a través das propostas que eleve o seu concelleiro, algo que non está a suceder”, expón a voceira socialista.

Compre lembrar que a primeira xunta de portavoces para abordar o orzamentos se celebrou o 25 de novembro. Nese encontro o goberno entregou aos grupos as contas o estado de execución dos presupostos para que puideran ir traballando e xa entón solicitouse que presentaran as súas achegas.

No encontro de hoxe, O edil de Somos limitouse a recoller a nova documentación actualizada aportada polo goberno. A saber: Resumen do estado de gastos e ingresos; os presupostos comparativos por capítulos,apartados, áreas de gasto; resumes por programas, presupostos comparativos con estado de execución e borrador orzamentario e os presupostos de ingresos comparativos por capítulos e por artigos.

Diferente cariz tivo o encontro co BNG, que volveu a presentarse con propostas concretas e valoradas polo miúdo en materia de sectores produtivos, saneamento, reciclaxe, políticas sociais, ou rural, por citar algunhas. As achegas seguen traballándose de forma conxunta para tratar de achegar posturas de cara a súa inclusión nos orzamentos de 2017.

Pola tarde celebrarase un encontro do EU, grupo que hai semanas tamén presentou un listado de propostas, aínda que de carácter xenérico. O executivo confía en que, despois do tempo transcorrido, os esquerdistas teñan concretado cifras co obxecto de determinar cales se poden incorporar ao presuposto ou, cando menos, seguir negociando de cara a facilitar a probación do documento. O goberno entregaralle a EU a mesma documentación que a Somos.

A reunión co PP (grupo que ata o de agora tampouco presentou proposta algunha) celébrase mañá, e posteriormente haberá unha conxunta de todos os grupos da Corporación.

24 de xaneiro de 2017 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.