O Goberno local da Coruña desestima o recurso da empresa Clece para abandonar o servizo de axuda a domicilio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Goberno local levará á Xunta de Goberno que terá lugar mañá, venres, o acordo polo que se desestima o recurso presentado pola firma Clece SA –que xestiona o servizo de axuda a domicilio SAD 3– onde reclamaba finalizar a prestación de servizo unha vez remate o contrato, o vindeiro mes de xuño, para evitar que as persoas usuarias poidan quedar desatendidas. Do mesmo xeito, o Goberno local desestima a pretensión da empresa de ser indemnizada polo Concello, tal e como solicitaba para o caso de que teña que permanecer executando o concerto máis aló do 30 de xuño de 2017 –data de finalización–, ata que a nova empresa que o asuma poida facerse cargo da súa xestión, dadas as especiais características das persoas ás que se destina este servizo municipal. “O Goberno local ten claras as súas prioridades, que son as persoas desta cidade, e especialmente aquelas que se atopan en situación de vulnerabilidade, como é o caso das veciñas e veciños que requiren da axuda a domicilio, e que merecen ser atendidas con todas as garantías e nas mellores condicións”, salienta a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, quen recorda que o Concello seguirá a estar vixiante para que o servizo se preste dacordo cos estándares que se requiren e con seguridade para as traballadoras que desenvolven esta función. “Tomaremos todas as medidas que sexan necesarias para garantir un correcto funcionamento dun servizo clave para a concellería. Non imos tolerar abusos e incumprimentos por parte de ningunha empresa”, sinala, para recalcar que “non estamos falando de números, senón que se trata de atender a persoas con necesidades prioritarias que de ningún xeito poden desatenderse”. “As persoas con dependencia deste Concello vannos atopar do seu lado, defendendo os seus dereitos, porque esta é a nosa obriga e para isto nos puxo aquí a xente”, recalca a concelleira.

O acordo que se leva á Xunta de Goberno local de mañá responde ao recurso de reposición interposto por Clece contra un acto anterior do mesmo órgano, que en novembro do ano pasado acordou a “prórroga obrigatoria para o concertado” ata a entrada da nova empresa. A decisión, tal e como recordan desde a Concellería de Xustiza Social e Coidados, susténtase nunha cláusula do prego administrativo regulador do concerto –a novena–, que dispón que, “en atención ás especiais circunstancias das persoas destinatarias do servizo, prevese expresamente que transcorrido o prazo de execución do concerto, e ata que a nova empresa poida facerse cargo da xestión do servizo, o órgano de contratación poderá acordar a prórroga obrigatoria para o contratista, que deberá continuar por tanto executando o concerto”. Neste sentido, o Goberno local rexeita tamén a reclamación da firma para ser indemnizada no caso de verse obrigada a continuar coa execución do servizo máis alá da data de finalización do contrato, ao considerar que esta pretensión “suporía unha modificación bilateral do concerto non prevista nos pregos que o regulan e proscrita pola Lei de Contratos de Sector Público”, que fixa os límites ás modificacións bilaterais dos contratos para evitar que se alteren as bases e criterios aos que responde a adxudicación, mediante o sistema de licitación pública.

Estes dous últimos acordos municipais en relación ao servizo de axuda a domicilio que presta Clece chegan despois de que a Concellería de Xustiza Social e Coidados recibira, o pasado mes de novembro, o visto bo da Xunta de Goberno local para iniciar os trámites para un novo expediente de concertación deste servizo, despois de que a empresa –á que o anterior Goberno local adxudicou o servizo– fose obxecto dunha imposición de penalidades por parte da Concellería de Xustiza Social e Coidados pola comisión de infraccións leves e graves na prestación do mesmo, e unha vez transcorrido o prazo para que a firma formalizase unha eventual solicitude de prórroga do contrato, sen que o Concello recibise tal solicitude en tempo e forma.

12 de xaneiro de 2017 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.